Pasar al contenido principal

Fondo pesar na USC polo pasamento do seu doutor ‘honoris causa’ John B. Goodenough

John B. Goodenough foi investido doutor 'honoris causa' pola USC en 2002. FOTO: Santi Alvite
John B. Goodenough foi investido doutor 'honoris causa' pola USC en 2002. FOTO: Santi Alvite
Considerado o pai da batería recargable de ións de litio, recibiu en 2019 o premio Nobel xunto a Stanley Whittingham e Akira Yoshino
Lugo, Santiago de Compostela

A USC manifesta o seu fondo pesar polo falecemento do seu doutor honoris causa John B. Goodenough. Considerado o pai da batería recargable de ións de litio, Goodenough recibiu en 2019 o premio Nobel de Química xunto a Stanley Whittingham e Akira Yoshino.

O catedrático da Universidade de Texas foi investido no ano 2002 doutor honoris causa pola USC nun acto celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Na cerimonia de investidura, presidida polo entón reitor Darío Villanueva, actuou como padriño do profesor Goodenough o, na actualidade, profesor emérito da USC, José Rivas Rey.

Goodenough mantivo estreitos vínculos coa USC dende fins da década dos oitenta. Foi estreito colaborador do grupo de investigación do profesor Francisco Rivadulla, pertencente ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), e do grupo de Magnetismo e Nanotecnoloxía do Instituto de Materiais (iMATUS), en especial cos profesores José Rivas Rey e Jorge Mira Pérez. Asemade, Goodenough ten impartido como docente diferentes cursos na USC.

Traxectoria

Nacido en Alemaña no ano 1922, John B. Goodenough foi unha das primeiras figuras mundiais en Física e Química do Estado Sólido. Foi docente na Universidade de Oxford e dirixiu o prestixioso Lincoln Laboratory do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT). O seu destacado traballo sobre as propiedades básicas dos sólidos foi sustento teórico de moitas investigacións. O profesor Goodenough foi pioneiro neste campo e durante moitos anos creou unha importante escola de persoal investigador en todo o mundo. Goodenough ten recibido, alén do Nobel, numerosos premios e distincións da máxima envergadura científica como a Medalla Copley 2019 ou a National Medal of Science 2011.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2023.