Pasar al contenido principal

Un cento de participantes achéganse ás ‘Infinitas posibilidades’ da IA no Inside the Lab do CiTIUS

O evento defínese por contar con explicacións dende un punto de vista dinámico e con exemplos prácticos funcionando en tempo real
O evento defínese por contar con explicacións dende un punto de vista dinámico e con exemplos prácticos funcionando en tempo real
O evento conta cun total de dez demostradores, oito tecnoloxías e dúas spin-off, en avanzado estado de madurez, listas para a súa transferencia á industria e á sociedade
Santiago de Compostela

Empresas, sector público e organizacións en xeral danse cita este venres 30 de xuño no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) para descubrir os desenvolvementos tecnolóxicos máis recentes no ámbito de actuación deste centro. En concreto, o evento conta cun total de dez demostradores (oito tecnoloxías e dúas spin-off) en avanzado estado de madurez, listas para a súa transferencia á industria e á sociedade. 

Tecnoloxía propia que os e as investigadoras do CiTIUS explican ao cento de persoas inscritas na oitava edición do Inside the Lab que se celebra baixo o lema ‘Infinitas posibilidades’, idea que alude directamente á multitude de opcións abertas na actualidade para a comunidade investigadora no ámbito da Intelixencia artificial (IA), animando á participación entre os distintos axentes do sector. O evento defínese por contar con explicacións dende un punto de vista dinámico e con exemplos prácticos funcionando en tempo real. 

Entre as tecnoloxías intelixentes que poden descubrise no Inside the Lab 2023 destacan, entre outras, circuítos e sistemas para IA, algoritmos para o cálculo de roteiros de escape en incendios forestais ou diferentes técnicas de visión artificial para a análise da calidade de produtos alimentarios, así como os últimos resultados das spin-offs Situm e Inverbis. O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, visitaron o Inside the Lab 2023 e puideron recibir as explicacións do director científico do centro, Senén Barro. Tamén visitou o Inside the Lab, Dulce María García Mella, secretaria xeral da USC. 

Ademais, as persoas visitantes poden coñecer tamén os primeiros resultados do Proxecto Nós, a iniciativa máis importante desenvolvida nunca na área das Tecnoloxías da Linguaxe para a lingua galega. Neste eido, 'Inside the Lab 8' mostra o funcionamento de tres ferramentas: un tradutor automático (o primeiro con tecnoloxía neuronal desenvolvido para o galego desde Galicia), un sistema de recoñecemento de voz e un sintetizador de voz (baseados tamén en Deep Learning ou ‘aprendizaxe profunda’). 
 

O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, visitaron o Inside the Lab 2023 e puideron recibir as explicacións do director científico do centro, Senén Barro
O vicerreitor de Política Científica, Vicente Pérez Muñuzuri, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, visitaron o Inside the Lab 2023 e puideron recibir as explicacións do director científico do centro, Senén Barro
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2023.