Fondo pesar polo falecemento do que fora vicerreitor da USC, Miguel Cortizo Nieto
A Universidade de Santiago, e nomeadamente o seu reitor Antonio López, manifesta o seu máis fondo pesar polo falecemento do que fora profesor e vicerreitor da institución académica, Miguel Cortizo Nieto.
Doutor en Bioloxía pola USC, exerceu como docente nesa mesma facultade. Xa no primeiro lustro da década dos 80 foi vicerreitor co goberno universitario de Carlos Pajares, cargo que deixou para trasladarse a Madrid a exercer como asesor do Ministerio de Educación.
A partir de aí, desempeñou numerosos cargos de relevancia política -no Parlamento galego como portavoz do PSdeG, deputado nas Cortes e delegado do Goberno en Galicia- e diplomática, como embaixador en misión especial para a coordinación das Relacións coas Comunidades Españolas en Iberoamérica ou embaixador de España en Paraguai.