Pasar al contenido principal

A USC oferta para o vindeiro curso dez novos mestrados

A USC oferta para o vindeiro curso dez novos mestrados
A USC oferta para o vindeiro curso dez novos mestrados
En total, son 63 os títulos de posgrao oficial, entre eles varios a escoller estudar en Santiago e Lugo e en modalidade semipresencial ou virtual

A oferta de mestrados oficiais da Universidade de Santiago de Compostela ampliouse a un total de 63 títulos para o vindeiro curso, varios deles coa posibilidade de estudalos en Santiago e Lugo e en modalidade presencial ou virtual. O novo mapa de formación de posgrao da USC presentouno este martes en rolda de prensa o reitor Antonio López Díaz acompañado da vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar.

Os títulos que se incorporan á oferta este ano por primeira vez son os de Biodiversidade terrestre e xestión do medio natural, Enerxías renovables, Cambio climático e desenvolvemento sustentable, Investigación e innovación en didácticas específicas para Educación Infantil e Primaria, Operacións e enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados (Lugo), Xeoinformática, Erasmus Mundus Encrucilladas nas narrativas culturais, Xenómica e Xenética (en modalidade presencial en Lugo ou semipresencial), Computación de Altas Prestacións (presencial ou a distancia) e os de Optometría e Economía na modalidade semipresencial.

Ademais, hai varios títulos que se poden cursar tanto en Santiago como en Lugo; é o caso dos mestrados en Dirección de Empresas, en Avogacía e en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas de Idiomas. Con respecto aos necesarios para a exercer a profesión, na USC impártense tres títulos habilitantes –Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes e Profesorado, os tres en Lugo e o último tamén en Santiago– e o de Avogacía, non obrigatorio pero si vinculado ao exercicio da profesión.

Do total da oferta, son 27 os mestrados cuxa organización é interuniversitaria, dos que 15 coordina a USC. Ademais, a institución compostelá ofrece dous exclusivos: o de Optometría en modalidade semipresencial e o de Enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sustentable.

Matrícula O prazo para solicitar praza nalgún dos mestrados tanto por criterios xerais ou específicos -que contempla outros aspectos ademais do expediente- así como para o de Formación de Profesorado rematará este 20 de xullo. No caso de haber más demanda que prazas ofertadas, publicaranse a lista de admitidos e a lista de agarda o día 27; e a matrícula deberá formalizarse entre o 30 de xullo e o 1 de agosto.

No caso dos mestrados con sistema de matrícula directa, o prazo está xa aberto e estenderase ata o 14 de setembro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2018.