Pasar al contenido principal

Cara a unha propagación máis rápida e errática do lume

O investigador constatou o aumento significativo na velocidade de propagación por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura. FOTO: Santi Alvite
O investigador constatou o aumento significativo na velocidade de propagación por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura. FOTO: Santi Alvite
A tese de doutoramento de Martín Senande Rivera aborda a interacción entre os incendios forestais e a atmosfera nun contexto de cambio climático
Santiago de Compostela

Nos últimos anos aumentou a preocupación por responder á pregunta de se o quecemento global pode estar favorecendo unha aparición máis frecuente de incendios forestais, ou incluso ao desenvolvemento de lumes de carácter extremo. A tese de doutoramento do físico Martín Senande Rivera achega luz a estas cuestións ao abordar as interaccións entre os incendios forestais e a atmosfera nun contexto de cambio climático. Así, entre as conclusións do estudo, o investigador constatou o aumento significativo na velocidade de propagación por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura.

A investigación desenvolvida no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) CRETUS, dentro do Grupo de Física Non Lineal da USC e baixo a dirección do catedrático Gonzalo Miguez Macho, analizou os efectos do cambio climático nos incendios forestais en tres escalas diferentes. Nunha escala climática, identificouse a expansión temporal e espacial da distribución de climas asociados a unha alta actividade de incendios para un escenario futuro de altas emisións de gases de efecto invernadoiro. Nunha escala intermedia, analizouse o impacto do cambio climático no comportamento dos incendios forestais da Península Ibérica nos últimos anos, observando o aumento na velocidade de propagación por causa da redución da humidade dos combustibles asociada ao aumento da temperatura. Finalmente, nunha escala máis local, detectouse a influencia do cambio climático na orixe de procesos convectivos profundos na atmosfera orixinados polos fluxos de calor dos incendios, un proceso que se coñece como piroconvección e que pode derivar nunha propagación rápida e errática do lume.

Estes obxectivos leváronse a cabo empregando diferentes bases de datos, observacións de satélite, resultados de modelos climáticos e tamén realizando simulacións numéricas de incendios forestais cun modelo de propagación de incendios acoplado a un modelo atmosférico. Parte dos resultados da tese publicáronse en revistas científicas de impacto como Nature Communications ou Environmental Research Letters. Así, por exemplo, no artigo titulado ‘Spatial and temporal expansion of global wildland fire activity in response to climate change’, evidenciouse como o clima determina en grande medida as rexións propensas a incendios actuais e a súa tempada de incendios. Así, a área global con condiciones propensas a incendios frecuentes aumentaría, por mor do cambio climático, nun 29% a fins de século, principalmente nas zonas boreal (+111%) e temperada (+25%), onde tamén pode haber un alongamento significativo da posible tempada de incendios.

Ademais, a partir das proxeccións de modelos climáticos para o século XXI, o número de días con risco de piroconvección profunda podería aumentar significativamente no sur de Europa, especialmente na rexión do Mediterráneo occidental, onde pasaría de entre 10 e 20 días ao ano, na actualidade, a entre 30 e 50 días por ano a finais de século, tal e como mostran os resultados publicados no artigo ‘Towards an atmosphere more favourable to firestorm development in Europe’.

A tese, que obtivo a mención cum laude, desenvolveuse no marco do proxecto RIESPIRO, que ten por finalidade a caracterización da interacción entre incendios forestais e atmosfera, e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Unión Europea.

Martín Senande Rivera
Martín Senande Rivera
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.07.2023.