O Consello de Goberno desenvolveu a súa derradeira xuntanza do curso 2022-2023

A claridade das disposicións normativas da Universidade, a axeitada estrutura formal e a súa lóxica interna resultan esenciais para a súa correcta comprensión e cumprimento por parte da comunidade universitaria. Baixo esta premisa, o Consello de Goberno aprobou este venres 21, na que foi a derradeira xuntanza do curso 2022-2023, unha serie de directrices que contribuirán a lograr unha maior calidade técnica e lingüística das normas aprobadas no seo deste órgano colexiado e que servirán de orientación na redacción dos acordos, instrucións e resolucións dos demais órganos de goberno da USC e das entidades que integran o seu sector público.
O Consello de Goberno aprobou a creación da Unidade Asociada ‘Ecoloxía Microbiana de Solos’ entre CSIC (Misión Biolóxica de Galicia) e a USC. A formación desta Unidade permitirá o reforzamento da capacidade investigadora dos dous grupos de investigación que a integran: o grupo do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, liderado por Esperanza Álvarez Rodríguez, e o grupo de Bioquímica e Calidade do Solo (MBG-CSIC, Santiago), liderado por Montserrat Díaz Raviña.
Os criterios para a selección de candidaturas á convocatoria 2023 da Axencia Estatal de Investigación en materia de concesión de axudas para incentivar a consolidación investigadora foi outra das cuestións abordadas xunto coas modificacións dos regulamentos de réxime interno do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
O órgano colexiado aprobou tamén, no apartado relativo á oferta de estudos propios, os mestrados en formación permanente en Seguridade, Paz e Conflitos Internacionais; Ciberseguridade e Ciberdefensa; e en Historia Militar. Tamén se deu luz verde ao regulamento de TFM do mestrado en Intelixencia Artificial.
A modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal de Administración e de Servizos, xunto coa tamén modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC foron as cuestións abordadas no capítulo de persoal.
Outros asuntos
Completaron a orde do día a proposta de renovación da Comisión de implantación e seguimento do Plan Estratéxico para a Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes (PEIOMH), a modificación dos estatutos da Fundación Universidade de Santiago de Compostela, transferencia de resultados de investigación, a adhesión da USC ao Clúster do Audiovisual Galego e á Asociación Española de la Industria de Semiconductores’, o informe sobre a creación dunha unidade administrativa para a xestión dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, convenios e asuntos económicos.