Saída da igrexa de San Vicente
O equipo de investigación da USC que explora a necrópole mindoniense de Combarro, en colaboración coa empresa Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo, promove unha visita guiada ás escavacións arqueolóxicas o día 10 de agosto

A escavación arqueolóxica da necrópole medieval situada no lugar Combarro, e pertencente á parroquia de San Vicente de Trigás (Mondoñedo), está a achegar indicios dunha ocupación anterior á esperada ao inicio da investigación. As tres sondaxes realizadas no terreo deron luz a restos de estruturas de asentamento que modifican a tipoloxía do xacemento dotándoo dunha maior complexidade e permitiron atopar material cerámico que apunta cara a unha cronoloxía de comezos da Idade Media.
Co gallo de avanzar á cidadanía os achados do proxecto, o equipo investigador da USC, en colaboración con Tempos Arqueólogos e o Concello de Mondoñedo, ofrecerá do xoves 10 de agosto unha visita guiada á escavación arqueolóxica para coñecer en detalle as novidades da investigación e o profundar no pasado medieval do xacemento. A expedición, aberta a todas as persoas interesadas sen necesidade de reserva, partirá ás 12 horas da igrexa de San Vicente, en Mondoñedo, e terá unha duración aproximada de 90 minutos.