Pasar al contenido principal

O Ránking de Shanghai sitúa a USC entre as 601-700 mellores universidades do mundo no eido da investigación

O ránking de Shanghai sitúa a USC entre as 601-700 mellores universidades do mundo en investigación. FOTO: Santi Alvite
O ránking de Shanghai sitúa a USC entre as 601-700 mellores universidades do mundo en investigación. FOTO: Santi Alvite
Na edición 2023 do Academic Ranking of World Universities (ARWU), a institución acada o seu máximo histórico no indicador que mide o número de artigos publicados nas revistas 'Nature' e 'Science'
Lugo, Santiago de Compostela

A clasificación elaborada en 2023 polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai, coloca a Universidade de Santiago de Compostela no intervalo 601-700 das mellores universidades a nivel mundial e no chanzo 15-21 das institucións destacadas pola listaxe na contorna estatal.

Esta clasificación avalía máis de 2.500 universidades segundo diferentes indicadores de rendemento no eido da investigación, tales como o recoñecemento acadado polo persoal investigador e o estudantado egresado nos Premios Nobel e as Medallas Field ou as publicacións recollidas en revistas como Nature ou Science. Tamén considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Science Citation Index, e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico.

En 2023, a USC consegue o seu máximo histórico nun dos parámetros que analizan os resultados da investigación, concretamente o que responde ao número de artigos publicados en Nature e Science. Porén, a avaliación recolle un descenso noutros indicadores que supón unha modificación na tendencia que se viña rexistrando nos últimos tres anos e que situaba a Universidade no intervalo 401-500 do ránking. Factores como a renovación do profesorado, especialmente significativa nunha institución que partía cunha das idades medias máis altas do persoal docente e investigador (PDI) e que afronta a xubilación de perfís de longo percorrido, altamente citados e cunha intensa produción científica, provocan que a USC non puntúe no indicador HiCi, un parámetro que cuantifica o persoal investigador cun elevado número de citas en Clarivate. Do mesmo xeito, este resultado condiciona outro dos marcadores, o de rendemento per cápita, que se calcula a partir da súa ponderación e mingua respecto ao de anteriores edicións. Neste senso, as actuacións da USC cara o anovamento da media de idade da institución, coa incorporación de novo persoal investigador que está no comezo da súa carreira científica, poden supor puntuais descensos nesta e outras clasificacións que avalían unicamente o rendemento investigador e que están inevitablemente suxeitas aos ciclos de renovación do persoal. Fronte a estes ascensos e descensos cíclicos e normais que xa ten experimentado en anteriores ocasións, a USC a mantén a súa aposta polo talento investigador a través da captación, promoción e estabilización de novos PDI.

Clasificación por materias

A última edición do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), unha clasificación elaborada en 2022 polo mesmo organismo e que puntúa as institucións internacionais por ámbitos científicos, destaca a posición da USC en quince materias. En Odontoloxía e ciencias orais a Universidade ocupa o chanzo 101-150 a nivel mundial, situándose na segunda posición da contorna estatal. A segunda área máis destacada da institución é a de Ciencias veterinarias, no mesmo intervalo internacional e na oitava posición entre as universidades españolas incluídas na clasificación.

Outros eidos que acadan posicións sobranceiras son Farmacia e ciencias farmacéuticas que ocupa o intervalo 151-200 (posición 4-5 de España), mentres que Ciencias políticas sitúase no posto 201-300 (4-5 de España), igual que Física (chanzo 8-11 de España),  Hostalaría e xestión do turismo (intervalo 16-20 de España) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (19-27). Séguenlles no intervalo 301-400, Ciencias ambientais e enxeñaría, así como Biotecnoloxía, as dúas no banzo 5-10 da clasificación española do ránking.

No intervalo 301-400 destacan Química (que acada o posto 11 na clasificación estatal), Ciencias agrícolas (11-19 da mesma escala) e Matemáticas (no banzo 12-15). No 401-500 o ránking salienta Ciencias biolóxicas (12-18 na contorna estatal), Educación (14-22) e Ecoloxía (19-24). 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.08.2023.