Pasar al contenido principal

As universidades galegas súmanse á Rede coa que Galicia avanzará no liderado en tecnoloxías cuánticas

As tecnoloxías cuánticas aproveitan as leis da mecánica cuántica para dar lugar a innumerables aplicacións en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas. FOTO: Pixabay
As tecnoloxías cuánticas aproveitan as leis da mecánica cuántica para dar lugar a innumerables aplicacións en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas. FOTO: Pixabay
Este novo espazo de colaboración estará tamén integrado pola Administración e polo tecido empresarial para desenvolver un ecosistema completo de coñecemento e industrial arredor destas ferramentas
Santiago de Compostela

As tres universidades públicas galegas, o sector empresarial e a Administración sumarán esforzos para avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas a través da Rede que botou a andar este mércores 6 na Cidade da Cultura. O reitor Antonio López participou xunto aos reitores da UVigo e da UDC, Manuel Reigosa e Julio Abalde, no acto de presentación da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha colaboración que facilitará o desenvolvemento dun ecosistema completo de coñecemento e industrial arredor destas tecnoloxías, contribuír a unha mellor posición e visibilidade das capacidades de Galicia en investigación e impulsar a adopción destas tecnoloxías polo tecido empresarial.

Ademais dos tres reitores, tamén participaron no acto a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, representantes da Consellaría de Sanidade e Amtega, do Cesga e do centro tecnolóxico Gradiant, o Clúster TIC, os Hubs de Innovacion Dixital DIHGIGAL e DATAlife, Fujitsu e o Centro de Tecnoloxías Fotónicas Aephos. 

Impacto 

As tecnoloxías cuánticas aproveitan as leis da mecánica cuántica para dar lugar a innumerables aplicacións en medicina, medio ambiente, biotecnoloxía, aeronáutica, automoción, loxística, telecomunicacións ou finanzas. De feito, están a actuar como “o elemento tecnolóxico disruptivo que acelerará o desenvolvemento económico en practicamente todos os sectores e terá un impacto similar ao que tivo a computación clásica durante os últimos cen anos”, explican dende a Rede.

Por este motivo, estase a realizar un importante esforzo de investimento no ámbito internacional co obxectivo de desenvolver e integrar estas tecnoloxías como motor de desenvolvemento económico e social de primeira orde. Neste contexto, a Xunta de Galicia puxo en marcha no ano 2022 o Polo de Tecnoloxías Cuánticas coa vontade de conseguir un impulso disruptivo destas tecnoloxías en computación, sensórica e comunicacións, para a mellora do coñecemento, o avance da tecnoloxía e a mellora da competitividade da economía galega, en beneficio da sociedade.

O Polo apóiase en catro piares: as universidades como responsables da formación e cualificación dos profesionais; os centros de investigación e centros tecnolóxicos, que están a investigar, xerar novo coñecemento, así como desenvolver prototipos e casos de uso de produtos e servizos baseados en tecnoloxías cuánticas; o tecido empresarial, peza clave para a validación e o avance destas tecnoloxías, e que serán os futuros usuarios; e a sociedade, que se beneficiará destes avances. A Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas xorde da necesidade de integrar estes catro piares nunha contorna compartida para coordinar actuacións concretas no ámbito público-privado, coa participación dos principais axentes do ecosistema galego.

Metas

Entre os obxectivos da Rede atópanse impulsar a colaboración entre os axentes en tecnoloxías cuánticas, permitindo un mellor aproveitamento das capacidades e xerando sinerxías; fomentar a participación conxunta en proxectos de I+D; coordinar as infraestruturas e recursos; coordinar accións de comunicación e difusión; colaborar no posible desenvolvemento de estudos de demanda, prospectiva e observación tecnolóxica; promover os cambios de regulación que se requiran; deseñar ferramentas e instrumentos específicos para o desenvolvemento destas tecnoloxías; fomentar o seu uso nos sectores económicos estratéxicos de Galicia e a xeración de empresas especializadas; promover a posición da Rede fóra de Galicia; atraer industria e capital humano cara ao territorio galego; e coordinar co sector educativo e outros axentes formación especializada. 

Agárdase que este espazo de traballo conxunto permita que Galicia sexa referente en tecnoloxías cuánticas en 2030. Ademais, Galicia converterase na primeira Comunidade Autónoma en contar cun computador cuántico de gran capacidade no Cesga, do que se beneficiará todo o tecido empresarial galego, centros tecnolóxicos e de investigación e universidades, alén de  incrementar a competitividade da economía galega a medio prazo. 
 

O reitor participou no acto de presentación. FOTO: Santi Alvite
O reitor participou no acto de presentación. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.09.2023.