Pasar al contenido principal

Entregados os premios do certame ‘Vémolo Nós’ á promoción audiovisual do galego como lingua de divulgación

De esquerda a dereita, Alejandro Gómez Pazo, Estrela Ocaña Abadín, Paulo Miguel Mouriño Pereiro. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Alejandro Gómez Pazo, Estrela Ocaña Abadín e Paulo Miguel Mouriño Pereiro. FOTO: Santi Alvite
A autoría dos traballos gañadores correu a cargo de Alejandro Gómez Pazo, Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín
Santiago de Compostela

Alejandro Gómez Pazo, Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín son as persoas gañadoras da primeira edición do certame ‘Vémolo nós’ co que o Servizo de Normalización Lingüística da USC busca promover a produción e a difusión de vídeos curtos e orixinais que fomenten o galego como lingua de divulgación científica. O acto de entrega dos galardóns desenvolveuse este venres 22 no claustro do Colexio de Fonseca e contou coa participación do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, quen deu paso á entrega de premios.  

“Para a USC a promoción do galego é moi importante”, destacou o profesor Feijoo Costa. “Este certame é un gran de area que sumado a todos os grans de area que impulsamos dende a Universidade serve para dar pulo á promoción da nosa lingua”, engadiu. Pola súa parte, Valentín García puxo o foco na relevancia do sector audiovisual xa que permite difundir o idioma “de xeito rápido, rotundo”, salientando que o ‘Vémolo nós’ é “unha iniciativa fresca e orixinal”. 

Persoas premiadas

Na categoría de ‘Divulgación do Coñecemento’, impúxose o traballo de Alejandro Gómez Pazo titulado ‘Con: as dinámicas costeiras e cambio global’. Nesta mesma modalidade foron finalistas ‘Os maios en Galiza’ de C. Fernández Losada e E. Losada Fernández; e ‘Camuflaxe vs mimetismo’ de M. García Amado e I. Pérez Sánchez.

 

Con: as dinámicas costeiras e cambio global
A festa dos maios na Galiza
Camuflaxe vs Mimetismo

 

‘O cronómetro’ de Paulo Miguel Mouriño Pereiro, Celia Eiras Rubín e Estrela Ocaña Abadín foi o traballo vencedor na categoría ‘Descubrindo a USC’. Ademais, resultaron finalistas ‘Manuela Barreiro Pico. A historia da primeira licenciada da USC’ de Carmen Villaverde Nartallo e Iria Peniza Rodríguez; e ‘Descubrindo o Colexio Fonseca’ de Xosé Ramón Cisneros Pérez.

O cronómetro
Manuela Barreiro Pico. A historia da primeira licenciada da USC
O Colexio de Fonseca

 

Finalmente, en ‘A utilidade do galego’, volveu gañar Alejandro Gómez Pazo co traballo ‘A costa galega en galego’. O traballo gañador en cada unha das categorías recibiu un total de 1.500 euros. O xurado estivo composto por Manuel C. Núñez Singala (presidente), Castor Méndez Paz, Elena Vázquez Cendón, Otilia Reyes Ferreiro e  Manuel Bermúdez Blanco (secretario). O número de vídeos presentados nesta primeira edición foi de 22. 

A costa galega en galego

Youtubeiras

Coincidindo no tempo coa entrega de premios do ‘Vémolo nós’, os servizos de Normalización Lingüística das tres universidades públicas galegas e dos concellos de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, xunto coa Deputación da Coruña, acaban de convocar a sétima edición dos galardóns Youtubeiras baixo o lema ‘Rede aberta, Rede diversa’. O certame repartirá 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías, incluído o galardón do público. O prazo de inscrición remata o próximo 17 de novembro. Esta iniciativa quere fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

Foto de familia de persoas gañadoras, finalistas, integrantes do Servizo de Normalización Lingüística, membros do xurado, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de persoas gañadoras, finalistas, integrantes do Servizo de Normalización Lingüística, membros do xurado, o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2023.