O iMATUS profunda no emprego de materiais cerámicos para a rexeneración ósea

O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) revisa dende este luns 25 os principiais conceptos sobre o emprego de materiais cerámicos para rexeneración ósea e os avances neste tipo de materiais nas súas técnicas de avaliación. O curso que leva por título 'Biocerámicas para a rexeneración ósea' foi inaugurado polo reitor Antonio López no salón de actos do Instituto e estenderase ata o martes 26.
Carmen Álvarez, directira do iMATUS, acompañou o reitor na sesión de apertura na que tamén participaron o profesor da USC Francisco Guitián —quen tamén disertou xunto a Jaime Franco sobre a síntese e conformación de biocerámicas de fosfato Ca—, e a delegada do CSIC en Galicia e profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas, Carmen González Sotelo.
Ao longo de dúas xornadas, esta actividade formativa serve para profundar nas biocerámicas para substitución de tecidos duros (implantes e próteses), a impresión 3D, a bioimpresión 3D de modelos de patoloxías, a materioteca, aplicacións biomédicas de vidros; materiais inorgánicos nanoestruturados, vidrio-(NAg/NCu) con elevada actividade bactericida; ensaios in vivo e a súa avaliación, así como a avaliación biolóxica in vitro de nano e micro materiais e os estudos preclínicos in ovo para a avaliación biolóxica de implantes óseos.
O cadro docente deste curso está formado, por parte da USC, por Álvaro Gil, Bárbara Blanco Fernández, Mónica Gómez, Alba Costa Santos e Luis Díaz Gómez. Tamén interveñen investigadores do CSIC como José Bartolomé, Belén Cabal e José S. Moya, xunto a Santiago Nieto Mengotti de CIS Tecnoloxía e Deseño.