A catedrática de Química Analítica tomará posesión do seu novo cargo o venres 29 de setembro

A catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo Barrera asumirá a vicerreitoría de Política Científica, cargo do que tomará posesión o venres 29 de setembro ás 11.00 horas, nun acto no Salón de Graos do Colexio de San Xerome que será presidido polo reitor Antonio López.
A que fora a primeira muller decana da Facultade de Química da USC completou a súa formación na Universidade de Plymouth (Reino Unido) e é a investigadora principal do grupo ‘Elementos traza, espectroscopía e especiación’. Foi coordinadora do programa piloto ECTS de Erasmus na Área de Química, da rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) e do programa TASSEP (Transatlantic Science Student Exchange Programme). Ademais desenvolveu abundantes actividades encamiñadas a mellorar a percepción social da Química e distintas responsabilidades de xestión na súa Facultade, da que ademais de decana tamén foi vicedecana entre 1980 e 1990, ou directora do Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. A profesora Bermejo é académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias.