Pasar al contenido principal

Últimos días para inscribirse nos obradoiros de escrita e rutas das xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’

Detalle do cartel do evento
Detalle do cartel do evento
Desenvolveranse entre o venres 29 de setembro e o domingo 1 de outubro arredor das obras ‘Trece badaladas’ de Suso de Toro, ‘Doentes’ de Roberto Vidal Bolaño e ‘Seis poemas galegos’ de Federico García Lorca
Santiago de Compostela

As xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’ desenvolveranse dende o venres 29 de setembro ata o domingo 1 de outubro. Concertos, rutas, conferencias e mesmo un obradoiro teatral servirán para abordar os lazos entre a literatura e Compostela a través de tres obras senlleiras: Trece badaladas de Suso de Toro, Doentes de Roberto Vidal Bolaño e Seis poemas galegos de Federico García Lorca. As actividades, que son de balde, requiren inscrición previa. Para os obradoiros de escrita e rutas, o prazo remata o xoves 28 ás 23.00 horas. As inscricións poden formalizarse a través do mail daniel.chapela.duran [at] rai.usc.es (daniel[dot]chapela[dot]duran[at]rai[dot]usc[dot]es)

O Salón Teatro, o Babylon Garden, as escaleiras da Facultade de Xeografía e Historia, a praza das Pratarías e o conxunto da zona vella serán testemuña dunhas xornadas que integran 16 actividades e máis de 20 participantes. En palabras do organizador, “é unha homenaxe literaria a obras e figuras cun forte impacto na cidade, tendo en Vidal Bolaño e na súa pulsión teatral o mellor exemplo”, explica o estudante da USC, Daniel Chapela. Así, sinalou que a “xoia da coroa” será un obradoiro teatral con fragmentos da obra teatral de Bolaño a cargo de Mónica Camaño e Zé Paredes, que terá lugar no Salón Teatro o venres en horario de 17.00 a 20.00 horas, o sábado de 10.00 a 20.00 horas e o domingo de 10.00 a 19.00 horas. Esta actividade, ademais, enlaza co propio peche das xornadas, un ensaio aberto ao público no Salón Teatro.

Ademais, realizaranse tres obradoiros de escrita en relación ás tres obras, coordinados por Anna R. Figueiredo, Vanesa Sotelo e Míriam Ferradáns; relatorios a cargo de Dolores Vilavedra, Malores Villanueva e Miguel García-Fernández; unha mesa redonda con Inma López Silva e Afonso Becerra; rutas literarias con Roi Vidal Ponte e Lito Vila Baleato; un recital con Marilar Aleixandre, Iria Pinheiro, Ana Lorenzo e Daniel Chapela; proxeccións de cine con coloquios; unha presentación con Henrique Alvarellos e Andrea Valle; e un concerto do grupo Algarada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2023.