Un traballo do grupo LIDSA, mellor póster no primeiro Simposio ‘Novos retos no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías ambientais’
O grupo de investigación LIDSA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas) acaba de recibir o premio outorgado á mellor contribución póster no primeiro simposio ‘ Novos retos no desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías ambientais’. A rede REGATA e a Agrupación Estratéxica CRETUS organizaron este encontro en Santiago co participación dun grupo numeroso de persoal investigador novo no ámbito das tecnoloxías ambientais.
O traballo premiado resume os resultados dos primeiros estudos levados a cabo con colorantes sintéticos e a súa determinación nas augas. Estímase que entre o 1 e o 2% da produción de colorantes sintéticos, e entre o 1 e o 10% dos que se usan en produtos de consumo, son vertidos directamente ás augas. Como explican os investigadores, isto supón un risco potencial importante para o medio ambente e a saúde humana.
A investigadora Maria Eugenia Guerra Vilar, que se atopa na actualidade realizando a tese de doutoramento baixo a dirección das profesoras Carmen García Jares e María Llompart, foi a encargada de presentar a comunicación e recoller o premio de mans da organización do simposio. O traballo levaba por título ‘Solid-phase extraction and liquid chromatography-tandem mass spectrometry method for the analysis of synthetic dyes in water samples”.