Unha escultura feita cunha prótese de cadeira, para a Facultade de Medicina

O escultor e especialista en cirurxía infantil Alberto Rodríguez Costa visita este mércores, día 1 de febreiro, a Facultade de Medicina da USC e manterá ás 11:30 horas unha reunión co decano, Juan Gestal Otero, e co profesor emérito José María Fraga Bermúdez para tratar a doazón dunha escultura da súa autoría á Universidade na que el realizou os seus estudos e se licenciou en Medicina.
Con este acto quere simbolizarse unha homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que estudou medicina e se licenciou na USC, cando se cumpren 131 anos do seu nacemento. A escultura de Rodríguez Costa, construída cunha prótese de cadeira e aceiro, recorda, pola súa semellanza, unha das autocaricaturas máis coñecidas de Castelao. Segundo indica o decano, esta escultura colocarase na aula que a Facultade ten dedicada a Castelao, onde tamén está a orla da promoción do intelectual galeguista.
Rodríguez Costa manifesta ter dúas paixóns, unha a medicina, na que se especializou en Cirurxía Infantil co profesor Blas Agra Cadarso (Noia 1925 - Madrid 2012) no Hospital da Cruz Vermella de Madrid e da que recentemente se xubilou no Hospital Universitario de Vigo, e outra a escultura, a través da forxa e da reutilización de materiais cirúrxicos que non teñen outro proveito.
No eido da arte realizou varias exposicións en España e Portugal, e obras súas atópanse en diversas cidades españolas. A afección á forxa venlle xa desde a súa época de estudante, cando realizaba orlas con estrutura de aceiro, destacando a confeccionada nos anos 70, na que figuran os 135 licenciados en medicina dese ano.