Pasar al contenido principal

A participación do ILG, peza clave na integración de España nos dous principais consorcios europeos de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais

Investigadores integrantes de CLARIAH-ES
Investigadores integrantes de CLARIAH-ES
O Instituto da Lingua Galega da USC participou con outros centros de investigación de ámbito estatal na creación do nodo español das infraestruturas europeas CLARIN e DARIAH
Santiago de Compostela

España, a través do Ministerio de Ciencia e Innovación, acaba de integrarse nos dous principais consorcios europeos de investigación en Humanidades e Ciencias Sociais. O Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC participou con outros centros de investigación españois na creación do nodo español das infraestruturas europeas CLARIN (Common Language Resources and Technology Infrastructure), que ofrece datos, ferramentas e servizos de apoio á investigación baseada en recursos lingüísticos; e DARIAH (Digital Research Infrastructure for the Arts and Humanities), infraestrutura de investigación que mellora e apoia a investigación e a docencia dixital no ámbito das Artes e Humanidades.

A incorporación de España permitirá, entre outras accións, incluír as linguas oficiais en ParlaMint, proxecto emblemático que se centra na creación de corpus comparable e multilingüe de debates parlamentarios de todos os parlamentos europeos, estatais e rexionais ou autonómicos. CLARIAH-ES constitúe o nodo estatal que articula a participación española nestas infraestruturas, cunha rede na que se integran dez institucións participantes con especialistas en humanidades e ciencias sociais, intelixencia artificial, computación de alto rendemento ou tecnoloxías da linguaxe.

Ademais da USC, integran o equipo as universidades do País Vasco,  Alacante, a Universidade Nacional de Educación a Distancia, a Universidade Complutense de Madrid, o Barcelona Supercomputing Centre-Centro Nacional de Supercomputación, a Universidade de Xaén, a das Palmas de Gran Canaria, o Centro Superior de Investigacións Científicas e a Biblioteca Nacional de España. Coa súa adhesión, España únese, como membro de pleno dereito, a Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Croacia, República Checa, Chipre, Dinamarca, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Latvia, Lituania, Paises Baixos, Polonia, Portugal e Suecia, sendo Reino Unido, Sudáfrica e Suíza países observadores.

Premio

A actividade do ILG acaba tamén de verse recoñecida a través dos cursos de verán ‘Galego sen fronteiras’, organizados conxuntamente coa Real Academia Galega. Esta actividade formativa foi distinguida este luns 16 na categoría de Proxección Exterior no marco dos Premios da Cultura Galega 2023. O galardón salienta o traballo desenvolvido durante máis de tres décadas por un programa que facilitou a inmersión na lingua e na cultura galegas de máis de dúas mil persoas de todo o mundo. Moitas delas son hoxe profesoras e profesores en universidades de distintos países onde ensinan lingua e literatura galegas, realizaron achegas académicas importantes neste campo e traduciron obras das nosas letras a outros idiomas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2023.