O socio fundador e co-CEO da empresa Wetaca, centrada na comida saudable para levar, ofrece unha charla este mércores, ás 12.00 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas

O CEO de Wetaca, Efrén Álvarez, ofrece este mércoes, a partir das 12.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, o relatorio ‘Emprendemento no Healthy Food: o caso de Wetaca’.
A empresa Wetaca, centrada na comida saudable para levar, está considerada como un caso de éxito. Trátase dun servizo de subscrición semanal que axuda ás persoas a seguir unha dieta saudable e a coidar a súa alimentación para que poidan dedicar o seu tempo ao que queiran. Esta empresa, que botou a andar en xaneiro de 2015 baixo o impulso de dous socios, conta na actualidade cun cadro de persoal que supera as 100 persoas e presenta unha facturación anual superior aos 15 millóns de euros, logo de vender máis de 240.000 menús ou comidas cada mes.
Traxectoria
O co-CEO e cofundador de Wetaca, Efrén Álvarez é co-CEO naceu en Lugo en 1989 e en 2007 trasladouse a Madrid para estudar Administración e Dirección de Empresas en Icade, para logo cursar CAF (Ciencias Actuariais e Financeiras) e completar unha estadía durante un período de seis meses en Ohio (Estados Unidos).
Efrén Álvarez comezou a súa actividade profesional como pasante no departamento de innovación de BME e logo, como consultor estratéxico en Accenture. Ademais, antes de completar a súa formación, este emprendedor lugués xa participara na primeira edición do programa de televisión ‘Masterchef’ e incluso estivo un mes traballando con Jordi Cruz no seu restaurante Abac, distinguido como tres estrelas Michelín.
Unha vez rematados os seus estudos e logo destas primeiras experiencias profeisonais, Efrén Álvarez traballou durante un ano en auditoría financeira na multinacional PWC, unha compañía que logo o destinaría ao departamento de transaccións, ao que nunca chegou a incorporarse por coincidir co lanzamento de Wetaca, unha firma na que dirixe o departamento de produtos e operacións, ademais de traballar na definición da estratexia e visión da empresa xunto con Andrés Casal, co-CEO da empresa.