Esta é unha iniciativa para a impulsar o proceso de transferencia de coñecemento entre a investigación científica e as problemáticas reais do tecido produtivo na nosa contorna.

O 'Sprint de Innovación' é unha actividade que promove o centro interuniversitario ECOBAS especializado na sustentabilidade económicas, social e ambiental. Nesta xornada daranse cita responsables de empresas pertencentes a sectores de marcada significación para a economía galega. Compartirán nesta primeira sesión de traballo as claves do desafíos e retos reais que afrontan pensando no futuro das súas respectivas compañías, así como das comunidades locais nas que operan.
Partindo destas premisas, persoal investigador e de doutoramento de ECOBAS buscarán involucrarse e tomar parte na busca de solucións concretas de forma aliñada co triple eixe da sustentabilidade: económicas, ambiental e social. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición antes das 12.00 horas do 27 de outubro a través da web www.ecobas.gal.
A xornada do martes 31 comezará ás 12.00 horas nun acto no que intervirán a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo; a directora científica de ECOBAS, María L. Loureiro; o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Xoan Doldán; e o director de ECOBAS, Xavier Labandeira. Deseguido terán lugar dúas mesas redondas sobre retos reais para a sustentabilidade das empresas galegas e sobre os instrumentos do ecosistema galego de innovación para a transferencia entre a Universidade e a empresa.