As xornadas queren achegarse a estas relacións bilaterais a nivel diplomático

A Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela acollerá os días 27 e 28 de outubro as xornadas '50 anos de relacións diplomáticas China-España. Galicia e o seu papel nas relaciones bilaterais'. A cita está organizada pola Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), contando co apoio da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo explican desde a súa organización, a actividade xorde tras facerse medio século da apertura das relacións diplomáticas entre a República Popular China e o Reino de España. Un fito que, indican, produciuse a principios dos anos 70 do pasado século no marco da apertura de China ao mundo occidental tras normalizarse as relacións diplomáticos do país asiático con Estados Unidos por iniciativa do entón secretario de estado Kissinger.
As xornadas queren achegarse a estas relacións bilaterais a nivel diplomático pero tamén, apuntan dende a organización, “achegándonos a como se teñen relacionado as sociedades española e chinesa, neste caso a través do caso galego”. Deste xeito, a programación inclúe, por exemplo, as experiencias dun emigrante pioneiro chinés e de empresariado ou profesionais españois afincados no país asiático ou traballando no seu mercado de maneira continua. Tamén haberá diferentes achegamentos ás dinámicas de intercambio entre os dous países en eidos como a cultura, a I+D+i e a educación (con especial referencia ao ensino do idioma español, dada a súa importancia para a apertura económica de China a Europa e a América Latina).