Pasar al contenido principal

A USC reduce nun 53% o consumo de enerxía no Complexo Monte da Condesa

A USC reduce nun 53% o consumo de enerxía no Complexo Monte da Condesa
A USC reduce nun 53% o consumo de enerxía no Complexo Monte da Condesa
O proxecto Life–OPERE da USC pon de manifesto que unha xestión eficiente en complexos de grandes consumos enerxéticos permite unha importante redución destes así como un menor impacto medioambiental...

O Complexo Monte da Condesa da USC logrou reducir nun 53% os seus consumos enerxéticos asociados á xeración térmica, o que supón a redución en máis de 785.000 kWh, evitando ademais a emisión de máis de 337 toneladas de CO 2 así como un aforro económico do 21%. Estes son algúns dos obxectivos alcanzados polo proxecto OPERE xunto co desenvolvemento dun sistema de xestión de redes enerxéticas que xa se está implantando no Servizo universitario de Xestión de Infraestruturas da USC.

O proxecto OPERE, liderado pola USC a través do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas e financiado pola iniciativa LIFE da Unión Europea, contou coa participación como socio de Energylab, centro especializado no impulso da eficiencia e a sustentabilidade enerxética, o que lle permitiu articular un equipo de traballo multidisciplinar, cohesionado e orientado cara a consecución dos obxectivos. Esta mañá o Proxecto desenvolveu a súa xornada final, na que se presentaron os resultados do traballo de catro anos.

Na primeira fase do proxecto fíxose unha diagnose enerxética do edificio á vez que se desenvolveu unha simulación que permitiu establecer a liña enerxética base en cada un dos equipos para avaliar medidas de aforro e lograr a optimización desexada. Do total das doce medidas identificadas e avaliadas desde o punto de vista enerxético e económico, levouse a cabo a substitución de caldeiras de gasoil a gas natural, a produción instantánea de auga quente de calefacción en lugar de acumulación e a incorporación de depósitos de inercia para optimizar o uso da calor procedente da coxeración.

Para apoiar a consecución dos obxectivos do proxecto desenvolveuse un conxunto de ferramentas software que xa forman parte do sistema de xestión enerxética da USC co fin de atopar posibles melloras e optimizacións noutros edificios da universidade.

Informes accesibles
O proxecto xerou o Informe Técnico OPERE, que recolle de forma detallada todos os traballos realizados, así como o Informe Layman, de carácter divulgativo e que contén de forma sintética unha visión xeral do alcance e principais resultados do proxecto co obxecto de difundilo entre público non profesional.

O proxecto OPERE, que coordinou o profesor Juan Arias, reforza o compromiso social da USC no ámbito da ecoloxía interna e sustentabilidade e supera os obxectivos establecidos pola Directiva 2012/27/EU sobre eficiencia enerxética que establece o incremento desta nun 20% e a redución de emisións de CO2 nun 20% para o ano 2020.

Monte da Condesa
O complexo universitario do Monte da Condesa, no Campus Vida da USC, data de 1978 e foi deseña­do e construído inicialmente como Hospital Materno Infantil de Santiago de Compostela. Actualmente comprende os edi­ficios das Facultades de Óptica e de Física, a residencia universitaria Monte da Condesa ou o Cen­tro de Transfusión de Galicia, entre outros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.03.2017.