Pasar al contenido principal

O festival de teatro e o certame audiovisual 'Fin de curta', novas citas da axenda cultural universitaria do mes de marzo en Lugo

De esquerda a dereita, Pilar García, Carme Silva e Carmen Basadre, na Capela de Santa María, en Lugo
De esquerda a dereita, Pilar García, Carme Silva e Carmen Basadre, na Capela de Santa María, en Lugo
Sete compañías presentarán as súas creacións do 21 ao 27 nun festival que ofrece representacións en escaparates urbanos da cidade e un curso guiado por Ernesto Arias

O XXIII Festival de Teatro Universitario presentará do 21 ao 27 de marzo na capital luguesa as creacións dramáticas de sete compañías teatrais e formacións independentes xurdidas no eido universitario no marco dun certame xa consolidado, pero que por vez primeira inclúe como programación complementaria representacións curtas en escaparates de varios establecementos comerciais da cidade, ao tempo que ofrece a posibilidade de ampliar a formación a través dun curso impartido por Ernesto Arias e que se desenvolverá do 25 o 28 de marzo baixo o título 'O verbal e o sensorial na actuación'.

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense Maricastaña abrirá o 21 de marzo, ás 21.00 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire, a quenda de representacións coa obra 'A última cornixa do mundo', unha creación baseada en 'Océano mar', de Alessandro Baricco, e dirixida por Fernando Dacosta. A compañía independente Krilajo, dirixida por José María Tubío, presentará o día seguinte no vestíbulo do auditorio municipal, ás 19.00 horas, 'A vontade do pobo'. De seguido desta representación, a Aula de Teatro da UDC, dirixida por Rubén Rubial, porá en escena 'O Home do saco' (6 pezas breves), de Juan Mayorga. A compañía de teatro USC-Lugo dirixida por Paloma Lugilde estrea o 24 de marzo a peza ‘Paz Perpetua’, de Juan Moyarga, cun pase matinal aberto á estudatantes de centros de secundaria que o soliciten, a partir das 12.00 horas, e dous máis ás 18.00 e 21.00 horas. Antes da última sesión, o lugués Lucas Chao, acompañado de Néstor Rubio, estudantes da Real Escola de Arte Dramática de Madrid (Resad), presentará ás 19.00 horas no no vestíbulo do 'Gustavo Freire' o microproxecto 'Apnea'. O foco teatral mudará o 25 de marzo ao Hotel Torre de Núñez, onde a compañía de teatro El Mayal, da Universidade de León, representará, ás 20.00 e 22.00 horas, 'Hotel las Vegas', baixo a dirección de Javier de la Varga. Un encontro aberto ao público co actor Ernesto Arias no auditorio da Casa do Saber capitalizará a programación do festival de teatro universitario do 26 de marzo. O XXIII Festival de Teatro Universitario de Lugo botará o pano o día 27 no auditorio Gustavo Freire, onde Xoán Laxe presentará, a partir das 20.45 horas, o estudo do taller de interpretación desenvolvido no campus de Lugo. Ao seu remate, a compañía de teatro USC-Santiago, dirixida por Roberto Salgueiro, levará a escena a obra 'Cousas que trouxo a chuvia'. Na procura de afondar nos vínculos entre campus e cidade e a fin de dar máis presenza aos lugueses e luguesas neste festival, os organizadores acordaron este ano convidar aos grupos de teatro afeccionado, profesional e escolas para participar neste evento con pequenas performances de rúa ou, no caso dos profesionais, intervencións en escaparates da cidade como previo o propio festival. Estas actividades complementarias comezarán o 15 de marzo e terán como protagonistas a Palimoco Teatro, Lucecús Teatro, Teatro do Miolo, Yazabro, Palimoquiños e Espazo 10 Teatro. As pequenas actuacións programadas desenvolveranse ao longo da semana previa ao festival nos escaparates de Malizia lencería, Sin suelas e Librería Biblos, así como a Librería Trama, Duendecillo e mesmo na explanada do fondo da Praza Maior de Lugo. O curso de formación teatral que impartirá Ernesto Arias do 25 ao 28 na Aula de Teatro e Danza do Campus Terra da USC e para o que cómpre formalizar a inscrición antes do día 23, xa que só se ofertan 14 prazas, servirá de colofón desta nova edición do festival de teatro universitario de Lugo. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, presentaron este luns na Capela de Santa María, os pormenores do Festival de Teatro Universitario de Lugo, no marco dun acto no que fixeron fincapé no carácter gratuíto de todas as actuacións, de entrada libre e de balde, agás as sesións previstas para os días 24 e 25. Neste caso, ao tratarse de funcións con aforo limitado, cómpre recoller as entradas, que tamén son de balde, o 17 de marzo, en quenda de 9.00 a 14.00 horas, nas dependencias da Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. Certame audiovisual 'Fin de curta' A segunda edición do certame audiovisual 'Fin de curta', unha iniciativa que busca servir para dar impulso a novos creadores e programada tamén ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da Deputación e Concello de Lugo, así como da USC, desenvolverase entre o 31 de marzo e o 3 de abril de 2017. As persoas que tomen parte nese certame, que agasallará con 500 euros a proposta gañadora, ao tempo que as dúas candidaturas máis valoradas poderán competir polos premios á mellor curtametraxe galega da Semana de Cine de Autor de Lugo, deberán realizar unha curta seguindo as bases da convocatoria. As bases da convocatoria do II Fin de curta están accesibles na páxina web www.lugocultural.es, onde tamén se pode atopar información polo miúdo do prazo e inscrición para tomar parte neste certame, que mantén aberta a matrícula ata o 29 de marzo nas dependencias da oficina de cultura da Vicerreitoría de Lugo. Representación teatral da compañía USC-Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.03.2017.