O maior evento europeo sobre divulgación de células nai reunirá en Medicina a 300 estudantes de secundaria

A Facultade de Medicina abrirá as súas portas o venres 17 a preto de 300 alumnos e profesores de Secundaria dos centros Rosalía de Castro, Compañía de María, Peleteiro e Xelmírez II de Santiago e do IES García Barros da Estrada que participarán nas xornadas UniStem Day 2017. Trátase do evento de divulgación sobre células nai dirixido a alumnado de ensino secundario máis importante de Europa. O seu obxectivo é achegar os/as máis novos ao mundo da investigación e particularmente a este campo das ciencias da saúde.
UniStem Day celébrase de xeito simultáneo en 75 universidades e centros de investigación de sete países europeos, como son España, Alemaña, Dinamarca, Serbia, Hungría, Suecia e Italia, este último o pais promotor da iniciativa. En España, ademais da USC, participan outras once universidades coordinadas dende a de Barcelona. En conxunto, agárdase a participación de máis de 27.000 estudantes en todo o continente.
O grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da Enfermidade de Parkinson que dirixe o profesor José L. Labandeira é o encargado por quinto ano consecutivo de organizar esta actividade na USC. No seu desenvolvemento conta co apoio da Vicerreitoría de Investigación e Innovación e o patrocinio de Galmedic, Glass Chemicals, Celta Ingenieros, Fisher Scientific, Grupo Merck, Editorial Panamericana, Santiago Futsal, Cafés Candelas e Gadis.
O programa inclúe, ademais de conexión por videoconferencia con outras universidades participantes, proxeccións de vídeos e xogos ou catro charlas impartidas por docentes e investigadores da USC que darán a coñecer, dende o rigor pero de forma amena, o mundo das células nai e desmontar algúns mitos construídos ao seu redor. O ABC das células nai, experimentando con células nai; ou mitos lendas e verdades sobre células nai son algúns dos títulos das intervencións programadas.