41. Seguimos dentro do corpo: as fibrilas
Seguro que a ningún dos lectores desta precisión lles cumprirá que os informemos de que o nome galego que reciben unha fibra de pequeno tamaño é fibriña (ES: fibrilla; EN: fibril).
Pero, despois de todo o dito sobre os “falsos amigos” en precisións anteriores, non debemos caer no erro de pensar que todos os conceptos que en castelán reciban o nome de fibrilla deben nomearse en galego como fibriña.
Iso é o que pareceron pensar os redactores do Diccionario de psicoloxía e educación cando propuxeron o nome de *fibriña para un concepto de anatomía que outras fontes definen con maior precisión como un ‘elemento estrutural filiforme, presente nas paredes dalgunhas células, que é visible ao microscopio’ (EN: fibril ou fibrilla; PT: fibrila; ES: fibrilla). Moito máis razoable parece defender o uso de fibrila, tal e como propoñen o Diccionario galego de termos médicos, o Gran diccionario Xerais da lingua ou o Vocabulario de ciencias naturais.
Dicimos que é máis razoable porque o termo non se forma en galego partindo do substantivo fibra, senón que se trata dun cultismo creado modernamente a partir do latín fibrilla (fibra pequena), que simplemente sofre a simplificación do -l- dobre para adaptalo á pronuncia. Xa que logo, trátase dun proceso paralelo ao que viviu outro termo anatómico, como é mamila (EN: mamilla; PT: mamilo; ES: mamila), que tamén chegou ás linguas actuais como cultismo proveniente do latín mamilla (mama pequena), aínda que neste caso ninguén pretende sobreadaptala ao galego como *mamiña –p olo menos iso espero–.
Segundo o tipo de células en que aparezan distínguense varios tipos de fibrilas:[1]
- miofibrilas (EN: myofibril; PT: miofibrila; ES: miofibrilla).- Pequenas fibras microscópicas constitutivas da fibra muscular’
- neurofibrilas (EN: neurofibril; PT: neurofibrila; ES: neurofibrilla).- Rede fibrilar que se estende en tódalas direccións polo citoplasma do corpo dunha neurona e que se estende desde unha dendrita cara a outras e ó axon. Co microscopio electrónico pode verse que está formada por agregacións de neurofilamentos e neurotúbulos.
- tenofibrilas ou tonofibrilas (EN: tenofibril, tonofibril; PT: tonofibrila; ES: tonofibrilla).- Cada unha das fibras finas que se atopan entre as células epiteliais, dispostas mediante pontes intercelulares.
| Como se pode ver, nesta precisión non só non imos apoiar as nosas recomendacións coa autoridade das fontes en que as documentamos, senón que a nosa proposta –empregar fibrila, miofibrila, neurofibrila e tenofibrila/tonofibrila– contradí parcialmente as recomendacións explícitas do Diccionario galego de termos médicos, avalado pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e polo Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega. Pero é que neste caso a falta de coherencia interna destas recomendacións é tan evidente que non nos queda máis volta ca ignoralas. | 
----------------------------------
[1]Sorprendentemente, o Diccionario galego de termos médicos recomenda, sen coherencia interna ningunha, *miofibriña, *neurofibriña, *tenofibriña e *tonofibriña como nomes galegos para os tipos específicos de fibrila.
Non fan o mesmo o Vocabulario de ciencias naturais nin o Gran diccionario Xerais da lingua, que propoñen formas como miofibrila, neurofibrila e tonofibrila.