Pasar al contenido principal

O alumnado do máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira poderá facer prácticas no Consello de Contas

O alumnado do máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira poderá facer prácticas no Consello de Contas
O alumnado do máster en Dirección e Xestión Contable e Financeira poderá facer prácticas no Consello de Contas

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo, asinaron este luns un convenio de colaboración para regular as prácticas académicas externas do alumnado do máster universitario en Dirección e Xestión Contable e Financeira da USC.

Os estudantes dese posgrao, que coordina a profesora Sara Cantorna, poderán realizar así no Consello de Contas as súas prácticas curriculares, as extracurriculares ou ben as que conducen á elaboración dos traballos de fin de grao ou mestrado. Co convenio acórdase tamén que o Consello de Contas achegue os seus especialistas para a parte da docencia teórico-práctica especializada que fose precisa.

Para o reitor, a sinatura deste convenio permitiralle aos alumnos do máster “a posta en contacto coa realidade en materia económico financeira e contable á que se teñen que enfrontar as empresas públicas de Galicia dende a perspectiva dun órgano de control, o que axudará a ter unha visión de conxunto da importancia de elaborar unha información económico financeira de calidade, clara e transparente”.

Este ano desenvólvese a segunda edición do posgrao, que provén das especialidades en Finanzas e en Auditoría e Control de Xestión da antiga licenciatura en Administración e Dirección de Empresas. O mestrado cobre o marco teórico-práctico necesario para comprender a realidade da xestión contable e financeira empresarial.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.03.2017.