Analizará o emprego da intelixencia artificial como ferramenta para fomentar a igualdade

O V Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) comeza este martes 28 de novembro ás 10.00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, cun acto de inauguración no que participarán a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo; o reitor da USC, Antonio López, e a presidenta da APG, María Méndez.
O evento nesta edición leva por título 'Intelixencia artificial: unha ferramenta para a igualdade?' e reunirá destacadas expertas na materia como Idoia Salazar, Miren Gutiérrez, Violeta Molina, Raquel Holgado ou Carolina González.
O foro contará coa intervención de relatoras expertas e especializadas en intelixencia artificial, como a presidenta e fundadora do Observatorio del Impacto Social y Ético de la Inteligencia Artificial OdiseIA, Idoia Salazar García; a investigadora principal de ARES, da Universidade de Deusto, Miren Gutiérrez Almazor; a correspondente de Xénero da Agencia EFE e gañadora do V Premio de Periodismo contra la Violencia de Género da Fundación Aliados por la Integración, Violeta Molina Gallardo; a redactora de Tecnoloxía do xornal '20 Minutos', Raquel Holgado ou a redactora da publicación 'Computer Hoy' Carolina González Valenzuela.
Canda elas, Gabriela Bouret e Natalia Louzau, xefa de Análise de Datos e xornalista de 'La Nación Data' do xornal arxentino 'La Nación' -primeiro xornal que anunciou a creación de dúas ferramentas dixitais para tratar de promover a igualdade de xénero e dar cobertura a temas sensibles como o acoso, o suicidio, o bullying ou a diversidade-; así como o responsable de Ciencia do xornal 'La Voz de Galicia', Raúl Romar García, e a adxunta ao director xeral da CRTVG Rosa Vilas Núñez.
O Congreso servirá tamén para coñecer as accións desenvolvidas pola Administración autonómica para intentar mitigar a desigualdade, o acoso e a violencia de xénero a través das novas tecnoloxías, da man da secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, Sandra Vázquez Domínguez. A encargada de clausurar o foro, a partir das 14.00 horas, será a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade compostelá, Ana Isabel Rodríguez, á que acompañará a presidenta da APG, María Méndez.
O evento é de entrada libre para o público e será presentado e moderado por profesorado e alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que o mesmo que a Consellería de Promoción de Emprego, colabora coa APG no desenvolvemento da xornada.