Pasar al contenido principal

Novo concerto do ciclo de novos talentos coa pianista Marina Fernández e o quinteto Gabost

O ciclo Novos Talentos Musicais continúa este mércores 22 no Paraninfo cun novo concerto. Neste caso será da pianista Marina Fernández Rueda e do quinteto de corda Gabost composto polos violíns Garazi Echeandia Arrondo e Juan Gomollón Bel, a viola Ane Aguirre Nicolás, a violonchelista Agate Amilibia Garai e o contrabaixista Amador del Pozo Macías, todos eles estudantes da Escola de Altos Estudos Musicais da Real Filharmonía de Galicia.

O recital, de entrada libre, comezará ás 20.30 horas con Marina Fernández, que interpretará o Carnaval de Viena op. 26 de R. Schumann, Morceaux Nº 2 de L. Boulanger, Estudio Op. 25, Nº 12 de Chopin e a Rapsodia Húngara Nº 11 de Liszt.

Marina, orixinaria de Béjar (Salamanca), estudou en Santiago e na actualidade no Conservatorio Superior de Coruña, o que compaxina con clases maxistrais en festivais internacionais. Desde 2011 é pianista federada da Banda municipal de Arca (O Pino) e gañou xa varios premios, entre eles o extraordinario ‘Trio Magrí’. Foi ademais a única española seleccionada no Concurso ‘Star of the Albion’ en Londres.

Gabost
A continuación, Gabost, composto por estudantes da Escola de Altos Estudos Musicais, interpretará o Quinteto Nº 26, op. 67 de George Onslow. A violinista Garazi Echeandia (Eibar, 1989) graduouse no Centro Superior de Música do País Vasco-Musikene e obtivo os Másteres en Interpretación e en Pedagoxía do Violín no Conservatorio de Bruxelas e o de Música Española e Hispanoamericana na Complutense.

Juan Gomollón (Zaragoza, 1991) co seu cuarteto de corda ‘Laukene’ recibe clases do Badke Quartet e o Cuarteto Quiroga. Formou parte de distintas orquestras novas, entre elas a de Euskal Herria, e colaborou coas Sinfónicas de Bilbao e de Euskadi.

A viola Ane Aguirre (San Sebastián, 1994) estuda tamén en Musikene, onde finaliza os estudos superiores para vir a Santiago a realizar o Curso Avanzado da Escola da Real Filharmonía de Galicia. Formou parte de orquestras novas como as de Holanda, País Vasco e Nacional de España e hoxe pertence á bolsa de instrumentistas da OSE e da Gustav Mahler Jugendorchester.

A violonchelista Agate Amilibia (Amorebieta, Vizcaya, 1994) estudou no Conservatorio Superior do País Vasco (Musikene) e formou parte da Xoven Orquestra de Euskadi e da Nacional de España. Colaborou tamén coa OSE (Orquestra Sinfónica de Euskadi).

Por último, o contrabaixista Amador del Pozo (Fuengirola, Málaga, 1993) estudou no Conservatorio Superior de Música de Málaga e hoxe é alumno de Carlos Méndez na EAEM. Participou na Xoven Academia Instrumental da Orquestra Ciudad de Granada e na Academia de Estudos Orquestrais da Fundación Barenboim-Said, entre outras, e colaborou coa Sinfónica Provincial de Málaga e a Filharmónica de Málaga.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2017.