Pasar al contenido principal

A USC acondicionará o seu campo de fútbol e rugby en Compostela

Na sinatura, o reitor e o presidente da Deputación coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Universitaria (Foto: Deputación da Coruña)
Na sinatura, o reitor e o presidente da Deputación coa vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Universitaria (Foto: Deputación da Coruña)
Asinou este xoves un convenio coa Deputación da Coruña

A USC acometerá nos vindeiros meses o acondicionamento do campus de fútbol e rugby de Santiago para dotalo dun pavimento de herba artificial regulamentaria. Para levar a cabo a obra, a USC conta co apoio de diversas institucións e entidades como o Concello de Santiago, a Federación Galega de Fútbol (FGF) e a Deputación da Coruña, coa que se asinou este xoves o convenio que regula a colaboración.

Tal e como explicaron esta mañá na Coruña o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o reitor Juan Viaño, para o acondicionamento do campo a entidade provincial achega 200.000 euros, a mesma cantidade que o Concello compostelán, ao que hai que sumar 100.000 da Federación Galega de Fútbol e 50.000 da propia USC.

As melloras
Ademais do cambio de pavimento por herba artificial, para unha maior protección do perímetro instalaranse redes recollebalóns de seis metros de altura nos fondos do campo. Naquelas zonas onde non existe muro de peche, procederase á colocación de varandas de aluminio que delimitarán as zonas de acceso ao campo.

Así mesmo, instalarase un novo sistema de rego que estará composto por seis aspersores programables que se alimentarán por medio dun depósito conectado tanto á rede de saneamento coma á de fontanería. Tamén se mellorará o sistema de saneamento, executando dous canais de drenaxe que disporán de pozos de rexistro, situados a ambos lados do campo, percorrendo todo o perímetro.

Os traballos de acondicionamento inclúen tamén a renovación do alumeado do campo, con varias torres de iluminación de 20 metros de altura e sete proxectores de alta eficiencia enerxética. Xa na zona das gradas procederase á reparación dunha parte da súa cuberta, mediante a construción dunha estrutura lixeira de aceiro.

Deporte para todos
Os principais beneficiarios do acondicionamento serán a comunidade universitaria afeccionada ao fútbol e ao rugby así como todas aquelas persoas alleas ao mundo universitario pero que fan uso das escolas deportivas da USC impartidas nesta instalación. Ademais, o campo estará igualmente a disposición dos clubs de fútbol e rugby da comarca de Santiago, potenciais usuarios tanto para sesións de adestramento como para competicións, dada a demanda existente na cidade e, no caso do rugby, ante a actual carencia de campos para a práctica desta modalidade deportiva.

Como explicou o reitor, o campo poderá converterse igualmente nun referente para as seleccións galegas de fútbol ao facilitarlle un enclave céntrico e ben comunicado para os seus adestramentos, atendendo neste sentido á solicitude da propia Federación Galega de Fútbol.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.03.2017.