Idean unha nova técnica para a introdución controlada de substancias a través da membrana celular

As células son as estruturas fundamentais da vida, illadas por membranas que actúan como barreiras intelixentes que permiten unicamente a entrada de determinados materiais e nutrientes e pecha o paso a todos os demais. Un dos grandes retos da investigación biomédica na actualidade reside no estudo e a análise destes procesos co obxectivo de comprendelos mellor para chegar a introducir de maneira controlada na célula fármacos ou outros materiais destinados á súa cura ou reparación.
No marco desta liña de investigación, a revista de meirande prestixio internacional no ámbito da Química, JACS (Journal of the American Chemical Society), publicou nun dos seus últimos números unha nova achega desenvolvida por un equipo de científicos do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC na que propoñen unha estratexia molecular que permite activar a vontade a internalización celular de distintos péptidos sintéticos, o que serían os 'irmáns pequenos' das proteínas creadas no laboratorio.
Un guindastre con forma de cápsula
Os novos sistemas moleculares presentan un balance de carga negativo, ou o que é o mesmo: un número maior de cargas negativas que positivas na súa estrutura. Con esta premisa como punto de partida –unha singularidade que lles impide atravesar a membrana celular-, os científicos da USC conseguiron alterar ese balance mediante o deseño e a introdución dunha cápsula capaz de enmascarar unha parte do elevado número de cargas negativas nos péptidos. Así, esta nova cápsula nanométrica é quen de liberar a zona cargada positivamente, facilitando a entrada do composto no interior da célula.
“Imaxinemos un camión cunha carga tan alta no seu remolque que lle obriga a deterse ao chegar a un túnel”, explica o investigador ERC Advanced Grant José Luis Mascareñas, director do traballo. “ Convertemos esta cápsula en algo parecido a un 'guindastre externo', co que podemos trasladar ese exceso de carga a unha zona máis baixa do remolque para conseguir que o camión poida atravesar o túnel”, afirma.
Tanto o deseño conceptual do traballo como a súa execución foron desenvolvidos integramente polo grupo MetBioCat do CiQUS, aínda que a elaboración da cápsula tivo lugar ao longo dunha breve estancia nos laboratorios de química da Universidade de Cambridge, nunha colaboración co profesor J. R. Nitchske. A lista de autores complétase cos investigadores Jesús Mosquera, Jéssica Rodríguez, José R. Couceiro e o Profesor M. Eugenio Vázquez.