A homenaxe ao profesor e científico complétase coa colocación dunha placa na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Este xoves 21 é homenaxeado o profesor e científico Manuel Colmeiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais cun dobre acto: ás 11.30 horas colócase unha placa de homenaxe neste edificio e ás 12.00 horas preséntase o libro 'Manuel Colmeiro (1818-1894). Profesor, científico social e activista'. Na homenaxe a Colmeiro, que foi elixido Científico Galego de 2023, participan a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e o Consello da Cultura Galega (CCG) xunto coa USC.
A apertura do acto de presentación do libro corre a cargo do decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Xoán Ramón Doldán García; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco. A continuación iníciase unha mesa redonda na que participan as autoras e os autores do libro, moderada polo académico e coordinador da publicación José Antonio Redondo López. Canda el interveñen o catedrático de Análise Económica e académico da RAGC Juan Ramón Quintás Seoane; o catedrático de Dereito Administrativo da UDC, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz; a catedrática de Historia e Institucións Económicas da USC, María Xosé Rodríguez Galdo; o profesor de Historia e Institucións Económicas da USC, Xosé Cordero Torrón; a profesora de Historia Contemporánea da USC, Margarita Barral Martínez; a profesora de Economía Aplicada da USC, María Cadaval Sampedro; e o presidente do Consello Galego de Economistas, Miguel A. Vázquez Taín.