Pasar al contenido principal

Unha xornada sobre captura masiva de datos con ‘Mobile Mapping (IPS3)' cita 50 persoas na Escola Politécnica Superior

Vehículo de captura de datos, na contorna da EPS
Vehículo de captura de datos, na contorna da EPS

Unhas 50 persoas, entre alumnos, profesores e profesionais, fundamentalmente do ámbito da enxeñaría xeomática e topogáfica, aínda que tamén doutros eidos como os das enxeñarías civil, agrícola e forestal, déronse cita este mércores na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da USC, para participar nas ‘Xornadas sobre Aplicacións de Captura Masiva de Datos con Mobile Mapping (IPS3) e Perfilómetro (RDM1)’, organizadas pola EPS en colaboración coa delegación territorial do Colexio Oficial de Enxeñaría Xeomática e Topográfica en Galicia e a empresa Topcon.

O director da EPS, Tomás Cuesta, abriu o programa da xornada nunha intervención na que sinalou a importancia da xeomática e dos produtos que xera, así como respecto da súa utilidade para calquera proxecto de enxeñaría ou actuación sobre o territorio. María J. Iniesto Alba, profesora na EPS e delegada Territorial de COIXT en Galicia, e Juan Manuel Villegas, representante da empresa Topcon, tamén interviñeron na sesión de apertura.

Da man de Topcon, empresa pioneira no desenvolvemento desta tecnoloxía, que recibiu en 2006 o pedido de 300 sistemas de mobile mapping por parte da empresa Google para dotar de contidos ao seu Street View, tratáronse os fundamentos das devanditas tecnoloxías e as ferramentas de procesado, ao tempo que se viron exemplos reais de aplicación. Mesmo se avanzaron novos equipos que irán montados nunha mochila, coa que se irán capturando datos ao tempo que se pasea.

Os sistemas de mobile mapping son xa unha realidade na captura de datos xeoespaciais, que incrementaron o seu uso nos últimos tempos, xa que, grazas á combinación de múltiples sensores (láser escáner, cámara panorámica de 360º e un triplo sistema de posicionamento Inercial-GPS e odómetro), permiten a reconstrución da xeometría completa dos obxectos capturados, aumentando a precisión e produtividade respecto de sistemas de captura tradicionais.

O ámbito de aplicación desta tecnoloxía é moi variado e abrangue desde a cartografía e topografía á re pavimentación de estradas, pasando por industrias como os videoxogos (a empresa Nintendo utiliza este sistema para modelizar as pistas dos circuítos dos seus videoxogos). Como colofón desta xornada, os asistentes puideron realizar unha captura de datos real, montados sobre un vehículo que capturou datos da contorna da EPS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.03.2017.