Pasar al contenido principal

O cantautor galego Xoán Curiel presenta ‘Ecuacións’ este venres na Casa do Saber no marco do ciclo Lubicán Íntimo

Xoán Curiel, cantautor
Xoán Curiel, cantautor
O concerto, de entrada libre e de balde ata completar aforo, comeza ás 21.00 horas

O cantautor galego Xoán Curiel presenta este venres, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu último traballo, ‘Ecuacións’, un disco experimental gravado nos estudos da Radio Galega en Santiago de Compostela co enxeñeiro de son Toño Vazquez e tamén en Sao Paulo (Brasil) co violinista Julio Santín.

O resultado do cuarto disco de Xoán Curiel son seis temas moi líricos, con aires intimistas e bases electrónicas. Trátase dunha proposta musical moi diferente de todos os seus traballos anteriores. Xoán Curiel grava o seu primeiro disco Nai no ano 2009. Un disco que dará como resultado as súas primeiras xiras que o levarán polo estranxeiro (Brasil, Portugal, Arxentina, Italia ou Francia entre outros). Dous anos despois, Curiel presenta o seu segundo traballo, ‘Magnético Zen’. En 2014 chegaría ‘Estamos no verán!!!’, un libro-disco infantil, e xa no 2015 grava a súa voz na película galego cubana ‘Maimiño’ , coas cancións que Silvio Rodríguez crea para dito filme. Alén da súa xa ampla produción musical, ao longo destes anos Xoán Curiel ten participado en diferentes espectáculos e festivais principalmente ligados á lusofonía e á música de autor. As súas cancións téñense traducido e cantado en lingua castelá, en portugués de Portugal e de Brasil, en Alemán e en inglés dos EE.UU. O concerto de Xoán Curiel, o segundo dos incluídos no marco do ciclo Lubicán Íntimo, forma parte da programación cultural de primavera promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que conta con financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo. A entrada para esta actuación é libre e de balde ata completar aforo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2017.