Pasar al contenido principal

Piano e clarinete no terceiro concerto do ciclo Novos Talentos Musicais, este sábado no Paraninfo

O Paraninfo da Universidade acolle este sábado 4 ás 12.00 horas o terceiro concerto do ciclo Novos Talentos Musicais que organiza a USC con Compostela Sound. Nesta ocasión actúan os pianistas Miguel Iglesias Lista e Gema Arias Varela e a clarinetista Carla Gómez Iglesias.

Miguel Iglesias (Arteixo, 2002) comezará o recital interpretando pezas de Scriabin, Brahms e Granados. Estudante de cuarto curso do Grao Profesional no Conservatorio da Coruña, este novo pianista obtivo en 2016 o primeiro premio no Concurso Internacional de Piano en Sigüenza ‘Pequeños y Grandes Pianistas’ e o segundo no Concurso da Sociedade Artística Ferrolá e no Nacional Jacinto Guerreo de Toledo, ademais de facerse co premio único no Festival Champagnat na Ágora da Coruña.

Pola súa banda, o repertorio deste sábado de Carla Gómez (A Coruña, 2006) inclúe pezas de S. Mercadante, C. Nielsen, I. Müller, J. Demersseman e V. Monti. Esta clarinetista comezou co instrumento á idade de 5 anos na Escola de Músicos da Coruña co profesor Joaquín Meijide. No seu haber ten xa numerosos premios estatais e internacionais, como o 14º Concorso Internazionale per Clarinetto Citta di Carlino (Italia), o Golden Classical Music Awards International Competition 2016, o Rising Star Grand Prix 2016 de Berlín ou o Grand Prize Virtuoso International Music Competition de Londres.

Carla estará acompañada ao piano por Rupert Twine, profesor de piano e harmonía na Escola de Músicos da Coruña e director-fundador do coro de cámara ‘Ludus Tonalis’, referencia de calidade no circuíto coral de Galicia.

Gema Arias (A Coruña, 1993) serán quen poña o broche final ao recital, cun repertorio de Cesar Franck. Aos 17 anos remata os seus estudos de grao medio coas máis altas cualificacións tanto en piano como en música de cámara. Desde 2014 é integrante da Orquestra de Cámara Galega (OCGa) e en 2015 finaliza os estudos superiores de piano con matrícula de honor. Na actualidade cursa un máster en interpretación pianística no Royal Conservatoire de Bruxelas baixo a tutela de Dominique Cornil e Zofia Lalaak.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2017.