Pasar al contenido principal

A USC e o seu Campus Terra espertan un crecente interese como destino universitario entre a comunidade estudantil chinesa

Javier Bueno, no centro, con membros da delegación chinesa e da ORE da USC
Javier Bueno, no centro, con membros da delegación chinesa e da ORE da USC
As áreas de Humanidades e Ciencias Sociais, ademais das facilidades para a aprendizaxe do idioma español son algúns dos atractivos máis valorados

A oferta académica e de servizos á comunidade estudantil que presta a USC nas súas sedes de Santiago e Lugo está a reforzar o posicionamento da institución académica compostelá como posible destino universitario para o estudantado preuniversitario chinés, así como para graduados e graduadas interesados en completar formación de posgrao.

O profesor de español na Universidade de Shandong e responsable dunha empresa que ofrece servizos a estudantes chineses interesados en ampliar a súa formación no estranxeiro, He Long Peng Xi, que vén de realizar unha estadía na USC para coñecer polo miúdo a súa oferta académica e de servizos, adiantou a existencia de entre 5 e 10 estudantes chineses interesados en ampliar a súa formación na USC. Na súa estadía en Lugo, os integrantes da delegación chinesa encabezada por He Long Peng Xi visitaron as facultades de Humanidades e Administración e Dirección de Empresas, así como a Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, centros nos que mantiveron reunións informativas e de traballo cos seus respectivos equipos de dirección, para logo participar nunha xuntanza co vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno. Respecto das opcións máis demandadas pola comunidade estudantil chinesa, este axente sinalou que os estudos das ramas de Humanidades e Ciencias Sociais constitúen a oferta máis atractiva para a comunidade chinesa, que tamén valora as facilidades que ofrece a USC para a aprendizaxe do idioma español, ben a través dun curso intensivo ben a través doutras sesións formativas impartidas polo Centro de Linguas Modernas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2017.