Pasar al contenido principal

O Espazo de Danza da USC intervén nos concertos didácticos da Real Filharmonía de Galicia

O Espazo de Danza da USC intervén nos concertos didácticos da Real  Filharmonía de Galicia
O Espazo de Danza da USC intervén nos concertos didácticos da Real Filharmonía de Galicia

O Espazo de Danza da USC que dirixe Juan Carlos Zahera participa esta semana nos dous concertos didácticos da Real Filharmonía de Galicia dirixidos a estudantes de primaria e secundaria. Nestes recitais, baixo a batuta de Pero Lombardi a orquestra achegaralles unha serie de bailes e danzas tradicionais que interpretarán os bailaríns e bailarinas do Espazo de Danza da Universidade de Santiago.

Comezarán coas Danzas romanesas de Béla Bartók, que representan seis bailes folclóricos do país, e continuarán co Minueto do compositor italiano Luigi Boccheirini, unha antiga danza tradicional da música barroca orixinaria da rexión francesa de Poitou.

O programa segue coa Pizzicato Polka composta polos irmáns Josef e Johann Strauss; a polca é unha danza folclórica dos países de Centroeuropa que se transforma en baile de salón a principios do século XIX. A RFG interpretará tamén o popular Vals das flores de O Crebanoces de Chaikovski, e, de seguido, os asistentes terán a oportunidade de escoitar a Danza húngara nº 5, a máis coñecida de Brahms. Os concertos rematarán co fragmento Natural da obra Catro bagatelas, unha muiñeira do compositor galego Rogelio Groba.

Xiana Vilas e Alexandre Martínez son os responsables das coreografías, que interpretarán Lucía González, Loaira Sánchez, Vicente Ávila, Miguel Barbazán, Cristina Canosa, Hadrián García e Irma Silva. Os recitais, que terán lugar nas mañás deste mércores e xoves no Auditorio de Galicia, contarán coa colaboración do actor Carlos Hermida.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2017.