Pasar al contenido principal

A catedrática Marilar Aleixandre ingresou na Real Academia Galega

A catedrática Marilar Aleixandre ingresou na Real Academia Galega
A catedrática Marilar Aleixandre ingresou na Real Academia Galega

“Adoito dicir que eu nacín dúas veces, a primeira en Madrid, o un de maio de 1947; a segunda en Vigo na primavera da Revolución dos Caraveis en 1974, cando inicio a miña inmersión no galego”. Así rememorou a súa chegada a Galicia Marilar Aleixandre, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, ‘ Voces termando da paisaxe galega’, pronunciado nun acto protocolario no Paraninfo da Universidade e no que lle deu resposta a tamén membro de número da RAG Fina Casalderrey. Escritora, bióloga, profesora e investigadora, a nova académica ocupará a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas.

Como bióloga e experta en educación, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego (Xilbarbeira, editado polos autores e autoras en 1982, e Setestrelo, editado por Xerais en 1988); do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991), e doutros materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema. É, de feito, considerada unha das figuras máis relevantes da investigación en didática das ciencias en Europa.

Como escritora, a faceta pola que é coñecida popularmente, Marilar Aleixandre conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector a través de máis de corenta títulos. A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.

En relación co seu labor docente e investigador, é integrante, entre outros, dos consellos de redacción das dúas revistas de meirande índice de impacto na didácticas das ciencias, Science Education e JRST; é membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e é socia de Nova Escola Galega, a European Science Education Research Association (ESERA) e a National Association for Research in Science Teaching (NARST).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2017.