
A presentación da European University for Well-Being (EUniWell) – Universidade Europea para o Benestar, o consorcio europeo de universidades no que a USC se integra dende o ano 2023– desenvolverase no Campus de Lugo este martes 27 de febreiro. A sesión ten como obxectivo poñer en coñecemento de toda a comunidade universitaria as posibilidades que ofrece a presenza da Universidade de Santiago de Compostela na alianza EUniWell.
Este consorcio, nado no marco da segunda convocatoria da Iniciativa Universidades Europeas da Comisión Europea e coordinado pola Universidade de Colonia, integra na actualidade once institucións europeas: Birmingham, Colonia, Constanza, Florencia, Inalco, Linnaeus, Murcia, Nantes, Semmelweis e Taras Shevchenko National University de Kiev, ademais da USC. Coa incorporación da universidade galega, EUniWell pasou a estar integrada por 330.000 estudantes e arredor de 41.000 membros procedentes dos respectivos cadros de persoal das institucións que a compoñen.
A presentación institucional, que estará aberta ao público, congregará representantes dos distintos colectivos da USC e das institucións galegas asociadas ao consorcio EUniWell. No acto participan o reitor da USC, Antonio López Díaz, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, a directora de Desenvolvemento de EUniWell, Beatrix Busse, e o coordinador institucional de EUniWell na USC, José María Miranda Boto, así como outros membros da comunidade universitaria que compartirán a súa experiencia no contexto da alianza. O actos poderá seguirse en liña a través da canle oficial de YouTube da USC.