Pasar al contenido principal

Músicas a carón da Mosqueira iniciará o luns a programación de Lugo Cultural para 2017

Cartel do ciclo
Cartel do ciclo
O próximo luns 16 ás 20.00 horas na Casa do Saber, concerto de violín e piano a cargo de Luís Mª Suárez e Ricardo Alí

A programación de Lugo Cultural para 2017 arrancará o luns 16 co ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, iniciativa que impulsa novos creadores e intérpretes dentro da música clásica. A partir das 20.00 horas na Casa do Saber, a inauguración do ciclo corresponderalle o próximo día 16 a Luís Mª Suárez e Ricardo Alí, que interpretarán obras de Brahms, Tchaikovsky, García Abril, Schubert, Sarasate e Falla nun concerto de violín e piano de entrada libre ata completar o aforo.

Luís Mª Suárez (Madrid, 1996) formouse no Conservatorio Profesional de Música Adolfo Salazar en Madrid con matrícula de honra nas disciplinas de violín, música de cámara, orquestra e repertorio. Dende o curso 2014-2015 é alumna da Escola Reina Sofía e un ano despois recibiu o diploma de Alumno máis sobresaliente do seu departamento. Goza dunha bolsa da Consellaría de Educación da Comunidade de Madrid e Fundación Albéniz.

Pola súa Ricardo Alí Álvarez está considerado como un dos pianistas mexicanos máis relevantes da súa xeración e gañou diversos concursos nacionais e internacionais como o Primeiro Premio do VI Concurso de Piano Angélica Morales e o V Concurso de Piano Edvard Grieg. Outros galardóns son o segundo no Concurso Jacinto Cuevas e o Premio Ponce no Concurso Internacional Manuel M. Ponce. Completou os seus estudos en Alemaña e Suíza con honras e exerceu como solista con orquestras de Italia e México. Na actualidade é profesor na Escola Superior de Música Reina Sofía como profesor pianista acompañante do Departamento de Violín e desempeña unha intensa actividade concertística como solista e músico de cámara.

Todos os concertos incluídos en ‘Músicas a carón da Mosqueira’ celebraranse os terceiros luns dos meses de xaneiro a maio (16/1, 20/2, 20/3, 17/4 e 22/5) ás 20.00 horas na Casa do Saber coa colaboración do AIE.

Lugo Cultural
Lugo Cultural cumpre 23 anos dinamizando a programación cultural na capital luguesa. O pasado anos congregou máis de 5.100 espectadores coas distintas propostas culturais programadas, unha cifra que duplica a do ano anterior. O obxectivo deste convenio que promoven a USC, a Deputación e o Concello de Lugo é fomentar a participación da comunidade universitaria na vida da cidade e buscar espazos alternativos para potenciar o seu uso cultural, como por exemplo o desenvolvemento de Entre Lusco e Fusco no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro ou os concertos a pé de pedra na Praza de Santa María.

O primeiro concerto corresponderá a Luís Mª Suárez e Ricardo Alí

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.01.2017.