Pasar al contenido principal

Estudan na USC o uso de nanopartículas magnéticas para o tratamento de cancro mediante hipertermia

En primeiro plano, José Rivas, David Serantes e Daniel Baldomir (Foto: SERVIMAV-USC)
En primeiro plano, José Rivas, David Serantes e Daniel Baldomir (Foto: SERVIMAV-USC)

Un grupo multidisciplinar de investigadores de España e do Reino Unido reúnense este xoves na USC para debater sobre o uso de nanopartículas magnéticas para o tratamento de cancro mediante hipertermia, así como outras aplicacións biomédicas.

O encontro ‘ Nanopartículas magnéticas para hipertermia. Experimentos e simulacións’ ten lugar na Facultade de Óptica organizado polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (IIT) da USC e o Computational Magnetism Group da Universidade inglesa de York e enmarcado no proxecto ‘Evolución da temperatura a escala nanométrica durante o tratamento de cancro mediante hipertermia’ financiado pola Royal Society (Reino Unido) para promover o traballo conxunto entre ambos grupos no eido do uso do nanomagnetismo para aplicacións biomédicas.

Coordinan esta xuntanza científica o profesor e director do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (IIT) da USC Daniel Baldomir, quen abriu a sesión; o profesor do Grupo de Magnetismo Computacional da Universidade de York, Roy Chantrell, quen fixo unha exposición do proxecto internacional a desenvolver, e o investigador posdoutoral David Serantes Abalo, membro do IIT e actualmente de estadía en York, co profesor Chantrell.

A primeira conferencia da reunión foi a do catedrático inglés, da Universidade de York, sobre “ Evolución da temperatura con resolución nanométrica durante a hipertermia magnética”, que deu pé as intervencións de catro doutorandos, dous de York, Sergiu Ruta e Ewan Rannala, e outros dous da USC, Iván Conde Leborán e Cristina Muñoz Menéndez. Seguidamente, o catedrático da USC, José Rivas fixo unha conferencia sobre as nanopartículas multifuncionais para aplicacións biomédicas baseadas en hipertermia, e o físico C. Martínez Boubeta presentou unha ponencia sobre o “que podemos aprender da ciencia de cociñar un polbo”. Nesta mesma sesión sobre aplicacións biomédicas das nanopartículas, moderada polo profesor de Santiago Juan Arias, participaron tamén os profesores da USC, Pablo Taboada e Juan M. Ruso, falando das “aplicacións biomédicas multimodais de nanopartículas magnéticas e agregados” e das “nanopartículas magneto-plasmónicas para o tratamento da enfermidade de Alzheimer”, respectivamente.

José Rivas foi o moderador da sesión sobre “síntese e caracterización”, na que participaron Mª del Puerto Morales, do Instituto de Ciencia de Materiales de Madrid; Roland Kröger, da Universidade de York. A primeira disertou sobre “estandarización da síntese de nanopartículas” e o inglés fíxoo sobre “as vías de oxidación e estrutura de NPs baseadas en Fe por TEM de alta resolución”. Verónica Salgueiriño, da Universidade de Vigo e Beatriz Pelaz, da de Santiago de Compostela, fixeron tamén as súas aportacións científicas na temática desta sesión.

Xa para rematar a xornada, unha sesión sobre “modelación e teoría”, moderada por un dos coordinadores da Reunión, David Serantes e na que en primeiro lugar desenvolveuse a intervención de Oksana Chubykalo Fesenko, do Instituto de Ciencia de Materiales de Madrid, sobre Evaluación micromagnética da disipación de calor en nanofíos magnéticos cilíndricos. Seguinte tema a tratar nesta sesión correou a cargo do profesor da Universidade de Barcelona, Óscar Iglesias e foi sobre os posibles efectos da forma e arranxo espacial dis sistemas de nanopartículas magnéticas na súa resposta de hipertermia. OndrejHovork, da University of Southampto, falou do efecto da agregación de nanopartículas magnéticas na técnica de imaxe, e rematou a sesión co parlamento de Pablo Pino, da Universidade de Santiago, sobre superquecedores magnéticos para estimulación remota magnetoxenética dentro do cerebro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2017.