O reitor Juan Viaño preside este martes a segunda reunión do máximo órgano de goberno do Campus Terra da USC
A comisión reitora do Campus Terra da USC, presidida polo reitor Juan Viaño, celebrará a súa segunda reunión este martes 24 de xaneiro, a partir das 11.00 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, no marco dunha sesión na que se dará conta do grao de execución do Plan de Actuación 2015-2016, ao tempo que se analizarán as propostas incluídas no borrador do Plan de Actuación 2017-2019.
A comisión reitora do Campus Terra da USC está integrada por un total de 17 membros, entre os que figuran, ademais do reitor e dos vicerreitores Javier Bueno Lema, Andrés Barreiro Lois e Carme Silva Domínguez, decanos e directores das facultades e escolas universitarias da USC no campus de Lugo, o xerente da USC, José Manuel Villanueva; o vicerexerente do campus lugués, José Luis Cruz, así como o presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera, que actúa como vicepresidente do máximo órgano de goberno do Campus Terra. O Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia, así como a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) tamén estarán representadas neste comisión reitora do Campus Terra da USC, da que desenvolverá as funcións de secretaría a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez. Daquela, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos Ramos, o secretario Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro, e o conselleiro delegado da CEL, Jesús Quintá García, figuran como vogais no neste órgano de goberno do Campus Terra.