
A entrega dos premios Argos 2023 desenvolverase este venres 1 de marzo a partir das 12.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. No acto participan o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez; a directora xeral de Unirisco Galicia, María Inmaculada Rodríguez Cuervo; a directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Fernández Liz; Norberto Penedo Rey, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña.
O director da AVTE presentará o Programa ARGOS e os proxectos participantes, tras o cal se entregarán os diplomas que acreditan a participación a integrantes dos distintos equipos. Representantes dos equipos premiados farán unha breve presentación do seu proxecto e finalizará o evento cunha sesión de networking.
O programa ARGOS é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e o seu obxectivo é sensibilizar e adestrar estudantes e persoal investigador da USC no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria, tomando como eixes o traballo en equipo e o sistema de aprender facendo. A través da creación de equipos multidisciplinares, o programa busca construír proxectos de negocio innovadores, capaces de afrontar os retos do mercado, e remata cun proceso de avaliación no que resultan premiados os proxectos con máis posibilidades de converterse nunha empresa viable.
Establécense dúas categorías de premios: Argos Spin, ao que optan os plans de empresa desenvolvidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC e Argos Enxeño, no que compiten os plans xurdidos de ideas de negocio que achegaron algunhas das persoas participantes no programa.
Cada un dos premios consiste en 3.000 euros (50% a repartir entre os membros do equipo premiado e 50% para a empresa xurdida do programa Argos, sempre que sexa constituída nos seguintes 12 meses tras a decisión do xurado).