A USC acometerá o acondicionamento do seu campo de fútbol e rugby en Compostela

A USC acometerá nos vindeiros meses o acondicionamento do campus de fútbol e rugby do campus compostelá para dotalo dun pavimento de herba artificial regulamentaria, incluíndo o sistema de rego automático e proteccións perimetrais, ademais de mellorar a súa iluminación artificial e cubrir unha parte da bancada. Para acometer a obra, a USC contará co apoio de diversas institucións e entidades, como o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña ou a Federación Galega de Fútbol (FGF).
Así, este mércores o reitor Juan Viaño e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez, asinaron un convenio de colaboración que recolle o apoio do concello compostelán nesta obra e que se suma ao tamén asinado coa FGF, ademais de contar coa vontade firme da Deputación da Coruña para subvencionar as obras. En total o acondicionamento que se executará no campo de fútbol e rugby emprazado en Campus Vida ascende a 550.000 euros, dos que o Concello achega 200.000 euros, a mesma cantidade coa que a Deputación prevé apoiar esta iniciativa, 100.000 da Federación Galega de Fútbol e 50.000 dos propios orzamentos da USC.
No acto de sinatura protocolario celebrado este mércores o reitor Juan Viaño agradeceu a colaboración das distintas entidades e institucións implicadas por ser “colaboradores imprescindibles e necesarios para levar a cabo a execución desta obra nunha instalación singular para Santiago e para a propia Universidade”. Tanto o acordo asinado este mércores co concello compostelán como coa Federación recollen a vontade de establecer sinerxías baseadas na consecución de fins comúns que permitan optimizar os recursos, principalmente, económicos e materias.
Os principais beneficiarios do acondicionamento serán a comunidade universitaria afeccionada ao fútbol e ao rugby así como todas aquelas persoas alleas ao mundo universitario pero que fan uso das escolas deportivas da USC impartidas nesta instalación. Ademais, o campo estará igualmente a disposición dos clubs de fútbol e rugby da comarca de Santiago, potenciais usuarios tanto para sesións de adestramento como para competicións, dada a demanda existente na cidade e, no caso do rugby, ante a actual carencia de campos para a práctica desta modalidade deportiva.
Como explicou o reitor, o campo poderá converterse igualmente nun referente para as seleccións galegas de fútbol ao facilitarlle un enclave céntrico e ben comunicado para os seus adestramentos, atendendo neste sentido á solicitude da propia Federación Galega de Fútbol.