Segundo concerto do ciclo Novos Talentos Musicais 2017

Violín, acordeón e clarinete encherán de música o Paraninfo da Universidade este mércores, 1 de marzo, no segundo concerto do ciclo Novos Talentos Musicais. O recital, de entrada libre ata completar aforo, será ás 20.30 horas.
Marina Hermida
Comezará a violinista Marina Hermida Rodríguez, acompañada por Alina Pociute ao piano, con pezas de Bach e Mendelssohn. Esta nova pontevedresa rematou en 2015 os seus estudos profesionais de violín no CMUS Manuel Quiroga, e en 2016 obtivo o premio extraordinario nacional e galego nas ensinanzas artísticas e profesionais. É membro activo da OJSG e tocou en diferentes salas e festivais, entre eles o Musika-Musica de San Sebastián. Tamén colaborou coas orquestras OSV 430, OSG e Filharmónica de Pontevedra. Actualmente recibe clases de Mykolas Pocius.
Pola súa banda, a lituana residente en Galicia Alina Pociute é actualmente profesora de piano e pianista acompañante no conservatorio profesional de música de Vigo. Actuou como solista con orquestra, formou parte de diversas agrupacións de música de cámara e como pianista acompañante conta cun extenso repertorio instrumental e vocal.
Melissa David Álvarez
A segunda parte do recital correspóndelle á clarinetista Melissa David Álvarez que, acompañada no piano por Brais González, interpretará obras de Bassi, Debussy e Kovács. Natural de A Garda, estudou no Conservatorio Profesional de Tui e no Superior de Vigo. Durante estes anos colabora como solista coa Banda do CSMV e diversas agrupacións do Baixo Miño. Rematou os estudos cunha bolsa Erasmus+ no Conservatorio Statale di Musica F.A. Bonporti di Trento (Italia) tutelada por Lorenzo Guzzoni. Forma parte ademais do cuarteto de clarinetes Tetramorph, unha formación creada en 2015 por compoñentes do CSMV.
Brais González (Vigo, 1987) estudou nos Conservatorios de Vigo e Oviedo. Gañador de numerosos premios en España e Portugal, destaca tamén a súa faceta como compositor, con varias obras estreadas en Galicia e no país veciño. É fundador do Trio Caspervek, dedicado a compoñer bandas sonoras para películas de cine mudo.
Dúo Fírveda
Composto polas pontevedresas Marina Hermida (violín) –que comezará a xornada– e Nerea Rodríguez Núñez (acordeón), o Dúo Fírveda porá o broche final ao concerto coa interpretación de obras de V. Runchack, G. Fauré e A. Piazzolla. Este dúo creado en 2015 participou xa en máis dunha quincena de concertos en lugares como o Festival Internacional de Música Clásica de Madrid, o Festival Internacional de Música de Cámara de Juventudes Musicales en Castellón, o Festival de Música Son-PAF!, o Teatro Principal de Santiago ou a Catedral compostelá.
Nerea Rodríguez, máster en interpretación solista con Ángel Luis Castaño, obtivo o primeiro premio no Certame Nacional de acordeón de Arrasate e tocou a solo, con orquestra e en diversas formacións en festivais como o Internacional de Acordeón de Kiev e salas como a Fundación Juan March ou o Auditorio de León. Foi bolseira no Festival Internacional de Música de Livorno e colabora con Vertixe Sonora Ensemble.