Pasar al contenido principal

Seminario/workshop internacional 'Investigación e crítica na LIX (2004-2024)'

14.03.2024-15.03.2024

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Santiago de Compostela

O encontro conmemora o vinte aniversario da creación da Rede Temática de Investigación 'Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano' (LIJMI)

Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte. FOTO: Santi Alvite

O pazo de San Roque compostelán, sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, acolle este xoves 14 e o venres 15 de marzo de 2024 o seminario/workshop internacional 'Investigación e crítica na LIX (2004-2024)'.

Comeza o xoves 14 ás 16.00 horas cunha reunión da Rede Temática de Investigación LIJMI e ás 18.00 terá lugar a inauguración oficial coa asistencia da decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e de representantes da coordinación da Rede; de 18.30 a 21.00 desenvolverase a mesa de debate 'Investigación e crítica na LIX do Marco Ibérico e Iberoamericano (2008-2024)'. A xornada do venres desenvólvese de 09.00 a 14.00 horas coa presentación de proxectos de investigación en activo.

Neste ano 2024 celébrase o vinte aniversario da creación da Rede Temática de Investigación 'Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano' (LIJMI), formada inicialmente con persoal investigador dos ámbitos ibéricos: castelán, catalán, galego, portugués e vasco; a partir do 2007, foi ampliada aos ámbitos iberoamericanos.

Para complementar o Informe sobre docencia, investigación e crítica que se realizou no ano 2007 e facer unha análise comparativa coa evolución experimentada desde ese ano ao 2024, a Rede LIJMI convoca este Seminario/Workshop internacional conxuntamente co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), no marco do Proxecto 'Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil' que se desenvolve neste centro, dirixido por Marta Neira Rodríguez, e co grupo de investigación LITER21 (GI-1839). Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Literatura galega (Facultade de Ciencias da Educación da USC), coordinado por Carmen Franco Vázquez.

O seminario conta co apoio da Facultade de Ciencias da Educación e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), da Universidade de Santiago de Compostela, do CIEC, da Universidade do Minho, do CIDEHUS, da Universidade de Évora, e das asociacións ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), presidida por Armando Requeixo; ANILIJ (Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil), presidida por Beatriz Rodríguez Rodríguez, e por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), presidida por David Cortizo Conde.

Cartel do seminario
Cartel do seminario
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.03.2024.