Pasar al contenido principal

As novas promesas da música actuarán no Paraninfo da Universidade

Pablo Sampedro e Elina Viksne presentaron os detalles do ciclo (Foto: SERVIMAV-USC)
Pablo Sampedro e Elina Viksne presentaron os detalles do ciclo (Foto: SERVIMAV-USC)
O martes 21 comeza o ciclo Novos Talentos Musicais

A partir do 21 de febreiro e ata finais de marzo celebrarase no Paraninfo da Universidade o ciclo de concertos Novos Talentos Musicais, que substitúe o de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica que se desenvolveu en 18 edicións. Co organizado agora con Compostela Sound, serán en total nove recitais, os celebrados en días de semana ás 20.30 horas e os sábados ás 12.00; todos de entrada libre ata completar o aforo.

O director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro, e a directora artística do ciclo, Elina Viksne, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que puxeron de manifesto a vontade de continuar cun ciclo que supón unha enorme oportunidade para que os novos valores da música dean a coñecer en público o seu talento, “algo que entronca directamente cunha das misións da universidade, e da súa área de Cultura especialmente, como é a de promocionar e atender os novos creadores”, explicou Sampedro.

A directora artística explicaba que a selección de participantes “non foi doada, dado o altísimo nivel dos candidatos”, dos que finalmente quedaron 33 intérpretes agrupados en 26 formacións. Todos eles son galegos agás o grupo Gabost, que se admitiu porque os seus intérpretes –p rocedentes de Aragón, Andalucía e Málaga­– estudan na Escola de Altos Estudos Musicais.

Programa
O ciclo comeza o martes 21 coa actuación da acordeonista Beatriz Leonardo Labraña, o saxofonista Adrián Pais Abuín e a pianista Estefanía Cereijo Omil. Continuará o 1 de marzo con Marina Hermida Rodríguez (violín), Melissa David Álvarez (clarinete) e o Dúo Fírveda composto por Marina Hermida Rodríguez (violín) e Nerea Rodríguez Núñez (acordeón).

O sábado 4 será a quenda da clarinetista Carla Gómez Iglesias e dos pianistas Miguel Iglesias Lista e Gema Arias Varela, mentres que o 8 de marzo actuarán as violinistas Patricia Túñez Gómez e Garazi Echeandia Arrondo e Lucas López López ao piano.

O quinto concerto, do sábado 11 de marzo, virá da man de Lourdes Olbés Corujo (violín), Carlos Julián Fernández Bollo (piano) e o Dúo Índice formado polo saxo Alfonso Huerta Fernández e a pianista Ana Huerta Fernández. Catro días máis tarde será a quenda das violíns Elena Rodríguez Oubiña e Laura Morales Rejas e as pianistas Cristina Bernal Gómez e Aida Saco Beiroa.

Pablo Teijeiro Galdo (violonchelo), Noreia Hermida Pérez (piano) e Nerea Rodríguez Núñez (acordeón) serán, pola súa banda, os intérpretes do recital do 18 de marzo, mentres que o 22 serán a pianista Marina Fernández Rueda e o quinteto de corda ‘Gabost’ formado polos violíns Garazi Echeandia e Juan Gomollón Bel, a viola Ane Aguirre Nicolás, o violonchelo Agate Amilibia Garai e o contrabaixo Amador del Pozo Macías.

‘Novos Talentos Musicais’ pechará a primeira edición o sábado 25 coa actuación do percusionista Álvaro Jurado García, a cantante Marina del Carmen Penas Chaves e o pianista Rodrigo Portela Santaclara.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2017.