Pasar al contenido principal

A mediación lectora na Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy

Conferencia 'Contos, libros e cantos'

01/04/2024 - 16 h

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC promove esta actividade para destacar a importancia da literatura durante a primeira infancia

Facultade de Formación do Profesorado
Facultade de Formación do Profesorado

Cando hai que comezar a poñer en contacto a nenas e nenos coa expresión literaria? Hai algún momento que sexa "cedo de máis"? E como facelo? Como captar e manter a atención de meniñas e meniños máis alá duns poucos segundos?

Para axudarlle ao futuro profesorado de Educación Infantil a responder a estas preguntas, e para poñer de relevo o valor normalizador que pode ter o emprego da literatura galega e da narración nesta lingua, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado promove esta conferencia de Doris Paz, que achegará a súa experiencia de décadas no tratamento da expresión literaria na primeira infancia: selección de obras, recursos e estratexias á hora de contar as historias, rutinas arredor dos libros...

Doris Paz é diplomada en Maxisterio (especialidade en Educación Infantil) pola Facultade de Formación do Profesorado da USC. A partir de 1998 formou parte do histórico programa de educación infantil Preescolar na casa e, unha vez desaparecido este, proseguiu o seu traballo na Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy, o colectivo que lle dá continuidade até hoxe. Esta asociación realiza un importante labor educativo en diversas localizacións da xeografía galega traballando coas familias e reivindicando a importancia da contorna próxima no desenvolvemento das crianzas.

 

 

Cartel anunciador da conferencia 'Contos, libros e cantos'
Cartel anunciador da conferencia
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.03.2024.