Pasar al contenido principal

Masterclass Internacional de Computación Cuántica

12.04.2024 | 10.00h-14.00h

Centro de Supercomputación de Galicia
Santiago de Compostela

A xornada organizada por IGFAE e CESGA forma parte das actividades do Día Mundial da Cuántica, que se celebra o 14 de abril

A computación cuántica é o tema principal da charla
A computación cuántica é o tema principal da charla

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ofrecen o venres 12 de abril de 10.00 a 14.00 horas unha Masterclass Internacional de Computación Cuántica na sede do CESGA, na que participará alumnado de Bacharelato de centros educativos de Santiago e a súa contorna. O obxectivo da xornada é informar sobre o poder transformador da computación cuántica e ofrecer oportunidades neste campo ás mozas e mozos, conmemorando á vez o Día Mundial da Cuántica, o domingo 14 de abril.

O Día Mundial foi impulsado en 2021 por persoas vinculadas á disciplina, e elixido pola aproximación das tres primeiras cifras da coñecida constante de Planck: 4.14×10−15. Arredor desta data organízanse centos de eventos por todo o mundo, e Santiago de Compostela tamén será escenario de varios actos, froito da colaboración entre o IGFAE —centro mixto da USC e a Xunta de Galicia—, o CESGA e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

As persoas participantes aprenderán sobre os antecedentes, a situación presente e as perspectivas de futuro da disciplina da man de persoal experto do IGFAE e o CESGA, e poderán manexar un computador cuántico en tempo real a través dunha sesión práctica, na que se intentará resolver un problema creando un circuíto cuántico. Ao final da xornada, o alumnado compostelán compartirá os resultados da experiencia con estudantes de Barcelona, Valencia, Navarra, Portugal, Polonia ou Italia.

Salto Cuántico: arte e ciencia
De maneira paralela, o Día Mundial da Cuántica servirá tamén como punto de partida a un proxecto sobre arte e ciencia impulsado polo IGFAE, o CGAC e o CESGA que se desenvolverá en diversas fases ao longo de 2024. O domingo 14 de abril, ás 11 da mañá, preséntase na sede do CGAC Salto Cuántico, unha escultura do artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega. Esta peza interactiva consta de tres módulos móbiles e intercambiables, e adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos 40 do século XX; estará exposta no CGAC desde este mes de abril ata febreiro de 2025.

A continuación, o divulgador científico Eduardo Sáenz de Cabezón ofrecerá no mesmo centro a conferencia ‘Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?’. Sáenz de Cabezón é doutor en Matemáticas e profesor de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa. Tamén é autor de varios libros e presenta en La 2 de RTVE o programa ‘Órbita Laika’.

Alén desta data, entre o 5 e o 19 abril desenvolverase no auditorio do CGAC o ciclo de cinema ‘O ollo e a máquina’, un percorrido pola sociedade occidental no século XX a través do concepto de computación e a súa representación audiovisual. Os filmes proxectados  serán ‘Metrópolis’ (5 de abril), ‘Forbidden Planet’ (11 de abril), ‘2001: A Space Odyssey’ (12 de abril), ‘Tron’ (18 de abril) e ‘¡Salta!’ (19 de abril). Todas as proxeccións incluirán un coloquio sobre cada unha das pezas, conducido por Sofía Naseiro, de Kinocube Cinema.

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2024.