
Este venres 12 ás 12.00 horas, na Praza de Mazarelos, diante da Facultade de Filosofía, vaise representar a peza teatral 'Antígona', de Sófocles, por parte de O Corzo Producións, adaptada e dirixida por J.R. Martín, en colaboración coa Facultade. Esta é unha das obras inmortais do teatro de todos os tempos, que enfronta a Antígona, filla de Edipo e Iocasta, quen representa o deber familiar e das normas relixiosas, con Creonte, rei de Tebas, quen representa o deber de cumprir coas leis do estado. Esta obra foi estreada nos Festivais de Dioniso do ano 441 a.C. e, desde entón, converteuse nun dos emblemas da cultura universal, admirada e comentada por Hegel, Heidegger, María Zambrano, Jacques Lacan, Judith Butler e Slavoj Žižek, entre outros autores; traducida, versionada ou adaptada por autores como Hölderlin, Bertolt Brecht, Jean Cocteau, Jean Anouilh, Salvador Espriu e Anne Carson, entre outros.
