Pasar al contenido principal

O alumnado de grao da USC rematou os seus estudos cunha nota media de 7,43

O alumnado de grao da USC rematou os seus estudos cunha nota media de 7,43
O alumnado de grao da USC rematou os seus estudos cunha nota media de 7,43
Segundos datos da Fundación CyD para o curso 2013-2014

A nota media do expediente académico do alumnado que finalizou o seu grao na USC durante 2013-2014 foi de 7,43, por riba da media galega (7,36) e a española (7,29). O de másteres finalizou cunha media de 8,42, tamén por riba das medias galega (8,28) e española (8,17). A taxa de rendemento en grao -a relación en termos de porcentaxe entre os créditos aprobados e os matriculados- ascende a 77,4%, (74,6% para o conxunto do SUG e 77,2 na media estatal). Estes son algúns dos datos contidos no informe ‘ Las universidades españolas. Una perspectiva autonómica. 2016’, que elabora a Fundación CyD (Conocimiento y Desarrollo) e que acaba de facer público.

O informe presenta de xeito cuantitativo a realidade das distintas comunidades autónomas no relativo aos seus respectivos sistemas universitarios. Na USC, no curso 2014-2015, cursaron estudos de grao 21.711 estudantes (55.322 en todo o Sistema Universitario Galego-SUG), aos que hai que sumar outros 2.043 en másteres e 1.174 en doutoramento, o 49% do total do alumnado de doutoramento do SUG. Ademais, no pasado curso 2015-2016, a USC foi a universidade galega cunha maior demanda, un total de 8.261 preinscricións ou solicitudes de novo ingreso e que posteriormente se materializou en 4.352 novas matrículas.

Segundos os datos definitivos para 2014-2015, a USC sumou 3.892 egresados/as en graos e 1.201 en másteres, datos aos que se suman as 240 teses aprobadas en 2014, algo máis da metade do Sistema Universitario Galego para ese ano. No caso dos graos, a porcentaxe de alumnado de procedencia estranxeira é do 2,5% (a media para o SUG é do 1,3%), proporción que se duplica nos másteres oficiais, onde o alumnado estranxeiro ascende ao 6,7% (a media para Galicia é de 5,9%), maioritariamente de América Latina e o Caribe (71,3%).

O cadro docente intégrano 2.164 persoas, coa maior ratio de doutores/as de Galicia (85,6% fronte a 76,9% de media para o SUG). A porcentaxe de mulleres sitúase no capítulo docente e investigador no 41,3 por cento. No capítulo do Persoal de Administración e Servizos, a USC suma 1.249 persoas, cunha porcentaxe de mulleres de 56,1%.

Investigacións e transferencia
Entre 2004 e 2014 a Universidade de Santiago contabiliza 17.902 publicacións científicas, practicamente a metade da produción do SUG neste capítulo e o que a sitúa no posto décimo terceiro entre as 59 universidades das que o informe recolle datos. Para o intervalo comprendido entre 2010 e 2014 a produción científica da USC ascende a 9.016 publicacións, o de 57,04 da cales son de primeiro cuartil, apartado no que a media galega é do 49,56%

Entre 2006 e 2014 persoal investigador da USC presentou 112 patentes de ámbito internacional (PCT), o 82% das presentadas na Oficina Española de Patentes e Marcas por universidades galegas, situándoa como a cuarta de España de entre as 46 da que o informe presenta datos. Igualmente, a USC figura noutras 224 solicitudes de patentes nacionais, o 47% das participadas por universidades galegas, cifra que a sitúa como a sexta de entre 48 universidades españolas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.02.2017.