
Este luns 22 de abril ás 12.00 horas preséntase na entrada da facultade de Filoloxía o libro editado coas obras premiadas na última edición do Concurso literario Mazarelos, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística do centro.
Abel Lorenzo-Rodríguez co poemario Os sucesos e Gael Uxío Proupín Cantelar co relato Quen matou a González Vallés foron os gañadores ex aequo da novena edición do Concurso literario Mazarelos, desenvolvido en 2023.
Gael Uxío Proupín Cantelar xa gañara a edición de 2022 do certame, co relato titulado Pater familias. En anteriores edicións obtiveron premios no certame autoras e autores que posteriormente continuaron a súa carreira creativa coa publicación de obras literarias, como é o caso de Arancha Nogueira, que obtivo o primeiro premio en 2017 e 2018 ou de Lois Alcaide, que obtivo o segundo en 2018.
O concurso naceu co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura. O nome do certame lembra e homenaxea as raíces da Facultade, que estivo situada na praza de Mazarelos, e mesmo da Universidade e da propia Compostela.