O xoves 25 de abril ten lugar na Facultade de Filoloxía o acto central co que a USC conmemora o 50 aniversario do 25 de abril.

A Revolución dos Caraveis, o levantamento militar do 25 de abril de 1974 en Portugal, denominado en portugués Revolução dos Cravos, derrubou nun día o réxime político ditatorial que existía no país veciño desde 1926.
As tres xornadas que compoñen a primeira parte o programa, dedicada a literatura, música e Galicia, comezaron o martes 23 de abril e continúan este mércores 24 e o xoves 25 de abril. Na xornada do martes 23 de abril a profesora Izabel Margato analizou os textos literarios que dalgunha maneira anticipaban a revolución antes de que sucedera.
Este mércores 24 o escritor e ex militar Xosé Fortes e a cineasta e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC Margarita Ledo dialogaron con Áurea Sánchez e Joel Gômez na sala de actos de Filoloxía sobre como se viviu o 25 de abril do outro lado do río Miño.
A terceira xornada, coa que conclúe a parte do programa dedicada á cultura, comeza o xoves 25 de abril ás 10.30 na sala de actos de Filoloxía e consistirá na presentación do volume 50 anos de Abril na Galiza por parte dos coordinadores, Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartim; ás 11.00 horas o músico e médico Rui Pato contará a súa experiencia de estudante cando nos anos 60 acompañaba como músico a José Afonso, o autor da canción ‘Grândola, Vila Morena’ que serviu para iniciar a mobilización do 25 de abril, e Adriano Correia de Oliveira, e as súas vivencias como médico militar que estivo nas rúas de Lisboa nesa data.